A Agrupación Musical de Vincios organizou o sábado día 13, no parque do Centro Neural, unha Gala Benéfica co fin de recadar fondos para Desirée Vila Bargiela. O obxectivo desta campaña de recadación de fondos é para que, Desirée poida levar unha vida normal, adaptando a súa vivenda e unha prótese, valorada en 70.000 € que non cobre o seguro.
Recadáronse 10.500 € na Gala Benéfica celebrada en Gondomar a favor de Desirée Vila Bargiela
Esta gala, contou coa colaboracíon de 15 grupos musicais: Coral Santa Eulalia de Donas, Coral Polifónica A Mercé de Chaín, Coro da agrupación Musical de Vincios, Coro Tradicional: Cantares de Brión, Cantos Populares de Peitieiros, Grupo de Gaitas “Balcón do Val Miñor” de Morgadans, Pandereteiras “Airiños do Sobreiro” de Borreiros, Grupo de Gaitas “Novos Aires” de Couso, Banda de Música “Agrupación Musical de Vincios”, Grupo de Zumba do Centro Cultural de Vincios, Asociación de “Danza Paradela” de Gondomar, “Dania D `Alfonso” Soprano e Dúo Ameva. Houbo gran variedade musical dende o máis clásico ata o mais moderno.
A sorpresa final foi o que máis lle gustou a Desirée Vila Bargiela xa que os seus amigos Lia, Alexis e Claudia bailaron, tocaron e cantaron entregándolle unha tarta sorpresa, con motivo do seu cumpreanos.
Este encontro, contou coa colaboración do concello de Gondomar, coa carpa, escenario, son e cartelería. O Instituto Terra Turonio e Auga da Laxe organizaron un rastrillo no que os asistentes puderon comprar produtos de segunda man. Ademáis contouse coa venda de rifas, comida e bebida. Cabe destacar a doazón por parte dos establecementos do Val Miñor, de diferentes produtos como cestas e ceas.
A Agrupación Musical de Vincios agradece a implicación de todos os que dunha forma ou outra axudaron nesta causa, facendo que con este acto se puidesen superar as expectativas de recadación e chegando a recadar sobre 10.500 €, que sen o apoio de todos os presentes non sería posible.



