A compañía galega conmemora o Día Internacional da Muller no sector marítimo reunindo no foro “Mulleres dos Mares” a un grupo de provedoras de Gadis e a responsables da empresa para destacar a importancia do seu traballo e contribuír ao seu empoderamento nun dos sectores vitais para esta comunidade
Gadis organizou o primeiro foro “Mulleres dos Mares”, ao fío da conmemoración do Día Internacional da Muller no sector marítimo, para un recoñecemento público do importante labor que desempeñan as mulleres neste sector. A compañía reuniu no Museo do Mar de Galicia de Vigo a unha representación de provedoras locais para dar a coñecer as súas historias persoais e profesionais ao redor do mundo do mar e todo o ecosistema que xeran ao seu ao redor. Achegar estas experiencias vitais á sociedade para visibilizar a contribudción do colectivo feminino a toda a cadea de valor da pesca, a acuicultura, o marisqueo e a transformación en elaborados é un dos obxectivos expostos pola compañía galega, que mostra o seu compromiso co territorio potenciando sectores que son clave para o seu desenvolvemento socioeconómico.
A directora de Marketing e RSC de GADISA retail, Melisa Pagliaro Fernández, abriu o foro lembrando unha data clave para a compañía: 1994, ano de adquisición de Pescarmar, a empresa que xestiona directamente as compras dos produtos do mar, principalmente nas lonxas galegas, e encárgase da súa distribución diaria a todos os Supermercados Gadis de Galicia e Castela e León. O obxectivo estaba claro: “Ser os especialistas na compra, xestión e distribución de peixe e marisco para poder ofrecer os mellores produtos do mar aos nosos clientes”.
A continuación, tomou a palabra Lourdes Vázquez, responsable da plataforma de Pescarmar Vigo, quen profundou no modelo de xestión, que xera impacto positivo por ser unha das empresas de referencia en compras por volume, creando emprego de calidade e atraendo talento, con equipos de profesionais en portos e lonxas, centros loxísticos e nas peixarías dos puntos de venda. Ademais, dos case 1.000 traballadores da compañía desempeñando a súa carreira profesional ao redor deste sector, case 800 son mulleres.
Outro dos beneficios é que se repercuten nos clientes vantaxes en calidade e prezo, ademais de fomentar a alimentación saudable e a dieta equilibrada ao incentivar o consumo de peixe e marisco fresco nos establecementos, cuxas peixarías foron destacadas recentemente pola OCU como as que teñen os mellores produtos desta categoría en España.
Mesa redonda con catro mulleres protagonistas
Compartir experiencias e intercambiar impresións desde as súas diferentes responsabilidades foi o fío condutor da mesa redonda, protagonizada por María José Casais Boo, xerente da Cooperativa de Ribeira OPP83, Rocío Estévez Freiría, xerente de Marina San Marco, Lina Solla Sanmartín, fundadora de Linamar e Sara Losada Vilas, directora de calidade de Vengarco. Catro voces de empresas provedoras de Gadis que puxeron en valor o seu desempeño e espírito emprendedor ante as complexidades para sacar adiante os seus proxectos neste sector, no que a presenza de mulleres é historicamente menor, á vez que conciliaban a súa vida persoal, familiar e empresarial. Coincidiron no agradecemento a Gadis polo seu apoio ao apostar polas marcas de fabricante, que xeran máis valor e teñen unha maior capacidade de innovación.
Empoderamento feminino
Potenciar a visibilidade das profesionais do mar que desenvolven diferentes actividades pesqueiras e acuícolas, ampliar a conciencia social sobre a súa contribución ao sector e unha maior sensibilización en materia de xénero son algúns dos propósitos que se expoñen con este foro, aliñado co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 10: redución das desigualdades, e que se leva a cabo no marco do plan de Responsabilidade Social Corporativa da compañía.