spot_img
InicioGaliciaCompostelaFestival de inverno de teatro, danza e arte en acción no Gaiás

Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción no Gaiás

festival-de-inverno-de-teatro-danza-e-arte-en-accionno-gaias
Dezaoito compañías de dez países, cunha presenza destacada de novos creadores galegos e unha ollada cara a África e América Latina. Esta é a proposta de Escenas do Cambio 2016. Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción que terá lugar no Museo Centro Gaiás desde o 28 de xaneiro ao sábado 13 de febreiro.
O festival arranca este xoves levando o teatro a once fogares composteláns. Europa na casa, da compañía alemá Rimini Protokoll, achegará o festival á cidade de Santiago, con quince persoas protagonizando ao redor dunha mesa esta performance que entrelaza historias persoais cos mecanismos políticos de Europa.
Xunto con Europa na casa, a primeira semana de Escenas do Cambio 2016 contará coa estrea mundial deTijuana, da compañía mexicana Lagartijas tiradas al sol. E catro estreas en España, entre elas, o Don Juan de Voadora, unha interpretación libre do mito de Molière que a compañía galega porá en escena da man de 22 voluntarios maiores de 65 anos e que supón unha das tres coproducións deste festival da Cidade da Cultura. Escenas do Cambio estreará Jaguar de Marlene Monteiro Freitas e Archive deArkadi Zaides; e porá en escena a obra Cedric Andrieux do recoñecido bailarín francés Jerome Bel.
O festival ofrecerá espazos para a reflexión, o debate e a formación, con figuras como a politóloga belgaChantal Mouffe, unha das pensadoras que mellor están a analizar os cambios sociais que acontecen en Europa. Xunta a ela, Isabel de Naverán, Stefan Kaegi ou Luisa Pardo completarán as conferencias para esta primeira semana.
Escenas do Cambio 2016 contará ao longo destas tres semanas  con producións site specific, entre as que estará a de Uxía Vaello e Borja Fernández con Insulto ao público de Peter Handke. E o  paseo-lectura de Idoia Zabaleta de Os Eidos de Uxío Novoneyra, que convidará a subir desde Santiago ao Gaiás bailando e recitando versos do poeta do Courel.
Entre as novidades desta edición está tamén a presenza de coproducións: Ensaio amor da galega Nuria Sotelo; Barrunto de Patricia Caballero e Si pudiera hablar de esto no haría esto da bailarina galega Janet Novás.  Outro dos grandes nomes no ámbito da danza será Rocío Molina, unha das bailaoras que está a levar a cabo o flamenco máis experimental.
A presenza de África virá da man de Bouchran Ouizguen, Radouan Mriziga, Faustin Liyenkula, Cecilia Bengolea ou François Chaignaud. A escena internacional complétase con traballos ligados á memoria, como o da Joana Craveiro sobre a historia de Portugal, obra de longa duración na que se servirá a cea ao público; ou Mordedores da brasileira Marcela Levi, unha reflexión  sobre o erotismo e a violencia, na que bailaríns brasileiros danzan mordéndose.
- Publicidade -spot_img