spot_img
InicioGaliciaFeijóo destaca os galardoados cos premios Deporte Galego como os mellores referentes...

Feijóo destaca os galardoados cos premios Deporte Galego como os mellores referentes para os galegos do mañá

feijoo-destaca-os-galardoados-cos-premios-deporte-galego-como-os-mellores-referentes-para-os-galegos-do-manaO presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou onte os galardoados cos premios Deporte Galego como os mellores referentes para os galegos do mañá. “Os valores que transmitides son asociados con Galicia; os vosos triunfos e as vosas derrotas son seguidos desde Galicia e a vosa traxectoria pasa a formar parte da historia de Galicia”, aseverou.

Durante a gala dos Premios do Deporte Galego 2017, Feijóo referiuse deste xeito á historia deportiva de Susana Rodríguez Gacio, que gañou a prata mundial e a europea de tríatlon paralímpico, ademais do ouro europeo de duatlón e, esta mesma fin de semana, ampliou o seu palmarés coa medalla de ouro na serie mundial da paratríatlon de Yokohama; e a Álex Vidal, que conseguiu por cuarta vez alzarse co Campionato Mundial de Taekwondo Paralímpico.

Así mesmo, destacou as traxectorias de María Pérez Araújo, unha das principais representantes da nova fornada de baloncestistas galegas, que xa foi destacada como a mellor xogadora do último Campionato Europeo Sub-20; e de Lucas Vázquez, “que ten a honra de ser o primeiro veciño de Curtis que levanta unha Liga de fútbol, unha Champions League, a Supercopa de España e de Europa e o Mundial de Clubs”.

“E, aínda que moitas veces obviemos o seu labor, tamén merecen ser uns referentes Carlos David Prieto, o preparador que está detrás dos éxitos de Javier Gómez Noya; e Carlos Cortés Rey, o primeiro árbitro internacional de baloncesto galego, que suma xa 13 tempadas como árbitro da ACB”, aseverou, ao que engadiu que tamén vai camiño de converterse nun referente a baloncestista que hoxe recibiu o premio de deportista revelación: Paula Ginzo Arantes, que en 2017 deu o salto á primeira categoría do básket español.

“Con grandes deportistas coma vós, á mocidade galega que comece a apaixonarse polo deporte nunca lle faltarán exemplos a seguir”, sentenciou, destacando tamén o labor dos clubs que conseguen sacar o mellor dos deportistas, como: o Mecalia Atlético Guardés, que no seu 50 aniversario logrou o seu primeiro campionato da División de Honra de Balonmán Feminino; o Club AMFIV de baloncesto paralímpico, que obtén por segundo ano consecutivo este premio, como recoñecemento aos seus logros sociais e deportivos, como a Challenge Cup do ano pasado; e o Celta de Vigo, cuxos seareiros recordarán sempre 2017 como o ano no que estiveron entre os catro mellores equipos da Europa League e da Copa do Rei.

“Cando os nosos deportistas novos chegan a estes clubs, non teñen que comezar de cero. Se coñecen xa as esixencias e as bondades do traballo en equipo é grazas ás entidades de deporte base, como o Voleibol Emevé de Lugo, recoñecido en 2009 como o mellor club de base de voleibol de España”, engadiu.

O presidente da Xunta resaltou ademais o traballo doutras entidades que, aínda que non pertenzan ao ámbito do deporte estritamente, si son imprescindibles para que este teña unha maior proxección social, referíndose aos responsables de traer un evento de primeiro nivel como o Trial des Nations de Motociclismo a Baiona; a DXT Campeón que, desde 1995, segue os deportistas galegos, desde benxamíns ata veteranos; e ao Grupo Leche Rio, unha empresa láctea que leva anos apostando polo deporte galego, especialmente no baloncesto.

“E falo tamén das tres entidades que, polo seu compromiso co deporte como clave para unha vida sa, reciben o Premio Galicia Saudable: o Concello de Cangas; a Corporación Alimentaria Peñasanta; e o colexio Barrié de la Maza de Santa Comba”, resaltou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo asegurou que a Xunta de Galicia seguirá estando plenamente co deporte galego, desde a base ata a alta competición, e concluíu pedindo a todos os premiados que seguisen competindo e superándose; aprendendo dos fracasos e dos éxitos.

- Publicidade -spot_img