spot_img
InicioBaixo MiñoEstreno en Tui da serie documental “Rosendo Salvado: aventura e misión dun...

Estreno en Tui da serie documental “Rosendo Salvado: aventura e misión dun galego en Australia”

estreno-en-tui-da-serie-documental-rosendo-salvado-aventura-e-mision-dun-galego-en-australia
Rodaxe serie TVG Rosendo Salvado, con Rafael Sánchez Bargiela no Seminario Menor-de Tui

O próximo mércores, 4 de decembro, ás 18.30 h o Teatro Municipal de Tui acolle a estrea da serie documental “Rosendo Salvado: aventura e misión dun galego en Australia” dirixida por Valentín Carrera.  Ao longo de catro capítulos, de media hora, relata a incrible e fascinante biografía de Rosendo Salvado —nacido en Tui en 1814— como viaxeiro, músico, escritor, emprendedor, precursor da homeopatía, antropólogo e científico.

Revista Cousas de Nº23

O acto contará coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, así como do director, Valentín Carrera, e do equipo da serie creada para a Televisión de Galicia.A entrada será libre até completar o aforo.

A cabeceira da serie inclúe as primeiras imaxes de Rosendo Salvado creadas con Intelixencia Artificial por Marcos Mosquera. Presenta os catro capítulos o xornalista Carlos Prado, a pé de localización; Alicia Dapena e Anxo Cabada dan vida á narración en off e á propia voz de Salvado, interpretadas respectivamente por Isabel Vallejo e Luis Iglesia. Completa o relato a xestora cultural e pianista Andrea González, intérprete do recente disco Salvado Piano Works, baseado en partituras do monxe tudense. A cámara e montaxe estiveron a cargo de Javier Silva, con Paz Gutiérrez como script, e a produción executiva de Francisco González. Na serie tamén interveñen o novo organista Martin Rodriguez e a soprano australiana Allegra Giagu; Albino Prada, profesor da Universidade de Vigo; Avelino Bouzón Gallego, arquiveiro dá Diocese Tui-Vigo; Fr. Davis e Fr. Robert Nixon, beneditinos de Nova Nursia; Francisco Díaz-Fierros, membro da Real Academia Galega; e o historiador tudense Rafael Sánchez Bargiela.

O director, Valentín Carrera, salienta que a de Salvado foi unha vida tan emocionante como descoñecida, dentro e fóra de Galicia, sinalando que foi “o primeiro galego global da historia, cuxas viaxes compiten con grandes exploradores como Cook, Darwin, Humboldt ou o tamén misioneiro David Livingstone. Rosendo Salvado cruzou dez veces os mares entre Europa e Australia —navegou máis de cen mil millas—, levando e traendo, nunha xenuína viaxe de ida e volta, descubrimentos, achados, música, cultura, botánica, e novas sensibilidades no seu encontro co Outro”.

Rosendo Salvado foi un defensor avanzado dos dereitos humanos e da igualdade (o primeiro que incorpora ás nenas e mulleres á misión), un galego universal. “A aposta de Televisión de Galicia —afirma o director da serie— salda unha débeda pendente no patrimonio audiovisual galego: contar a vida e obra de Rosendo Salvado, cun guión profundamente documentado, asesorado por especialistas, e cunha banda sonora de luxo: a música orixinal do propio Salvado”.

Rodaxe en Australia Occidental

Un reducido equipo con dúas unidades de cámara viaxou en xullo pasado a Australia Occidental para percorrer os principais fitos xeográficos na vida de Salvado como Albany, Busselton, Cervantes, Fremantle (o primeiro porto ao que chegou Salvado en 1845, despois de 113 días de penosa navegación), Nova Nursia, Perth, Swan River, The Pinacles Desert e Williams. De todas estas localizacións destaca Nova Nursia, onde está enterrado o misioneiro e onde permanece intacta no tempo a misión beneditina fundada por Rosendo Salvado hai case dous séculos, convertida hoxe en lugar de peregrinación no roteiro xacobeo desde Australia a Galicia. O equipo aloxouse durante unha semana no propio mosteiro de New Norcia e puido coñecer e compartir de primeira man a vida e a historia da comunidade.

En Galicia a rodaxe completouse na catedral de Tui, no Seminario Menor de Tui, na Guarda, Baiona, na Biblioteca América, nos mosteiros de Samos, Trasmañó e San Martiño Pinario, e Panteón de Galegos e Galegas Ilustres, no que ben podería estar Rosendo Salvado, en compañía de Castelao e Rosalía, de non escoller Australia como destino.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.