spot_img
InicioGaliciaEstos son os gañadores da VII edición dos Premios María Luz Morales

Estos son os gañadores da VII edición dos Premios María Luz Morales

estos-son-os-ganadores-da-vii-edicion-dos-premios-maria-luz-moralesA Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer os nomes dos gañadores da VII edición dos Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual. Trátase de Ivan Villarmea, Juan Ares, Manuel Iglesias e Miguel Casaseca e Víctor López, quen recibiu un accésit. Os premios, que naceron no ano 2017 para impulsar a produción de ensaio e videoensaio en lingua galega, están dotados con 1.200 euros e un trofeo.

Revista Cousas De Nº19

O acto tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel, e nel estiveron presentes Rosendo Fernández, Deputado de Representación Institucional da Deputación de Ourense, institución anfitrioa da presente edición; Natividad de Jesús González, Deputada de Cultura, Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña; Iria Castro, Deputada da Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo; e Marcos Guisasola, Deputado de Medio Ambiente e Mar da Deputación de Pontevedra.

A Academia Galega do Audiovisual, entidade encargada de organizar os premios, estivo representada pola súa vicepresidenta Sonia Méndez e Carmen Méndez, membro da xunta directiva. O xurado estivo composto por Jesús Silva, director da revista de crítica literaria A Cuarta Parede, a docente da Universidade de Vigo Diana Ramahí e o docente da Universidade de Santiago de Compostela Cibrán Tenreiro, quen asistiu á entrega de premios e foi o encargado de anunciar os traballos gañadores.

Na categoría de Mellor ensaio escrito sobre o audiovisual galego a obra gañadora foi «O campo de atrás: paisaxes rururbanas no cinema galego» de Iván Villarmea Álvarez, “por abordar unha cuestión clave pero relativamente marxinal no audiovisual galego, a través dun enfoque singular e apoiándose nun corpo de análise coherente que combina cinema e xeografía. O xurado destaca especialmente a súa precisión e estilo, a diversidade, pertinencia e orixinalidade das fontes e a calidade global do texto.”

O galardón ao Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional foi para «Glitch: A arte do accidente. Ontoloxía e evolución» de Manuel Iglesias Vila “pola súa necesaria contribución ao estudo dun concepto marcadamente contemporáneo e pouco tratado en Galicia, feita cunha documentación e un desenvolvemento rigorosos. O xurado destaca ademais a súa capacidade para adoptar diferentes ópticas (desde a definición teórica e a súa evolución ata os retos ligados a condicionantes técnicos) e a reflexión do texto sobre a potencialidade creativa do “erro”.”

Nesta categoría tamén se outorgou un accési a «Hipercinema: Queimar ós ollos, romper ós oídos / Revolucionar o mundo» de Víctor López, “pola capacidade para a elección e execución de opcións formais non normativas e pola orixinalidade dos desprazamentos intelectuais propostos. O xurado destaca especialmente o carácter anovador, arriscado, libre e provocador dunha proposta cunha importante dimensión política, que denota unha intención e visión claras, e na que se aliñan forma e contido.”

O xurado recoñeceu como Mellor videoensaio sobre o audiovisual galego o traballo «Os espazos do cinema» de Miguel Casaseca, por “ofrecer unha reflexión pertinente que apela á experiencia colectiva dende o persoal, explorando o impacto do espazo e do medio na relación que establecemos co cinema, a través dunha forma que remite á esencia do ensaio audiovisual clásico subliñando a importancia da subxectividade e as posibilidades da montaxe.”

O traballo recoñecido como Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional foi «Almodóvar roda sobre rodas» de Juan Ares, por “aproveitar as posibilidades do medio á hora de identificar recursos narrativos convertidos en trazos autorais, confiando exclusivamente no poder suxestivo da montaxe para construír argumentos puramente audiovisuais, que transcenden a xustaposición para establecer diálogos capaces de xerar novos significados.”

Por segundo ano, grazas á colaboración entre a Academia e A Cuarta Parede, os traballos premiados serán publicados na revista de crítica cinematográfica.

Estes premios contaron co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, a Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Deputación de Ourense e a Deputación de Pontevedra.

María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona, 1980) destacada escritora e xornalista, foi unha das primeiras mulleres en España en ser directora dun diario estatal (La Vanguardia). Activista feminista, republicana e galeguista, o seu pouso intelectual deixou unha fonda pegada na historia do século XX.

- Publicidade -spot_img