spot_img
InicioGaliciaCompostela'Escenas do cambio 2020' permitirá gozar esta fin de semana de cinco...

‘Escenas do cambio 2020’ permitirá gozar esta fin de semana de cinco pezas de danza contemporánea na Cidade da Cultura

 'Escenas do cambio 2020' permitirá gozar esta fin de semana de cinco pezas de danza contemporánea na Cidade da CulturaO Gaiás recibirá do 31 de xaneiro ao 2 de febreiro a figuras internacionais tan relevantes como Ezster Salamon, Ula Sickle ou Leonor Leal e creadores emerxentes como Los Bravú ou Pálido Domingo

Escenas do cambio -o Festival de inverno, de teatro, danza e arte en acción da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura- arranca este venres cunha programación que permitirá gozar durante esta fin de semana no Gaiás de cinco pezas que xiran ao redor da danza contemporánea e das linguaxes do corpo. O certame -incluído na programación do Xacobeo 2021- reunirá nestes tres días en Compostela a figuras internacionais tan relevantes como Ezster Salamon, Ula Sickle ou Leonor Leal e a creadores emerxentes galegos como Los Bravú ou Pálido Domingo.

A polaca-canadensa Ula Sickle, unha das figuras de danza extrema contemporánea actual, abrirá o festival o venres 31 con Relay, unha peza que pon o foco na resistencia das mulleres na loita para defender e conservar os seus dereitos cunha coreografía baseada en portear e ondear durante máis de catro horas unha bandeira negra xigante.

A obra -de balde e de entrada libre en calquera momento das catro horas da súa execución- inspíranse nas mediáticas e multitudinarias marchas negras que en 2016 irromperon Polonia, cando centos de milleiros de mulleres saíron á rúa para rebelarse contras as medidas sexistas do goberno polaco. A peza pretende ser unha coreografía de carga simbólica en representación dos colectivos e comunidades que senten que deben estar a alerta loitando para que os seus dereitos sexan respectados.

Presenza internacional e galega

Ese mesmo día tamén se poderá ver Pentecostés, da recente renomeada compañía galega Pálido Domingo, que experimenta coa arte en movemento para crear unha peza intimista, coa linguaxe corporal do cotiá e cos cativadores cantos gregorianos como protagonistas.

A programación do sábado ábrea, en estrea absoluta, a primeira incursión na escena da parella de artístas plásticos Los Bravú, formada por Dea Gómez (Salamanca, 1989) e Diego Omil (Pontevedra, 1988). Segundo os autores, trátase de “retranca, danza e música electrónica para criticar o consumo cultural repetitivo e baseado no automatismo do turista contemporáneo”. En Caderno de vacacións aceptaron o reto-convite lanzado polo director artístico do festival, Pablo Fidalgo, para atreverse a abandonar a súa zona de confort creativa (as artes plásticas) e dar o salto á escena.

O baile e cante flamenco tamén terá espazo en Escenas do cambio 2020. Neste caso, a bailaora Leonor Leal recupera en Ahora bailo yo a reivindicativa e valente peza de José Heredia Maya, quen en 1977 se atreveu a crear e representar unha obra de teatro flamenca, onde se denunciaba a persecución e marxinación do pobo e cultura xitana.

Foi gabada pola crítica, mais tivo o seus custos; recibiu coaccións e ameazas e ata un teatro que a programaba foi incendiado. No entanto, conseguiu sacudir consciencias. Dous anos despois, en 1978, tras unha xira por España, París e Milán, artigos xenófobos do regulamento da Garda Civil cara esta etnia foron suprimidos.

Pechará o domingo esta primeira semana de Escenas do cambio 2020 a prestixiosa e premiada coreógrafa Ezster Salamon, que en M/others volve subirse por segunda vez ao escenario coa súa nai. Unha peza tamén valente para facer fronte, a través da danza contemporánea, as tensións e os afectos das complexas relacións nai-filla e que a artista húngara pretende que teña continuidade con outras intérpretes con idénticos vencellos familiares.

Xuízo real a Hamlet na segunda semana

O festival retomará a súa programación o xoves 6 de febreiro con outras cinco pezas, entre as que destaca o xuízo a Hamlet por parte dun equipo xudicial real en activo (xuíz, avogado, fiscal, forense e psiquiatra). Nesta obra o dramaturgo catalán Roger Bernat xulga o personaxe de Shakespeare como un asasino común e o público que asista tamén terá un papel activo: converterase en xurado popular. Ademais, a obra ten o atractivo engadido de que se representará (o venres 7 de febreiro) na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Antes desta obra, o xoves 6, Escenas do cambio trasladarase ao casco histórico de Compostela. No Salón Teatro poderá verse a performance Légende de Romain Teule e, a continuación, no Teatro Principal, Dorothée Munyaneza reconstruirá en Samedi Détente o xenocidio da súa Ruanda natal desde a perspectiva real de testemuña deste cruento conflito cando era tan só unha cativa.

Nesta presenza de artistas con proxección internacional, débese salientar a peza de Jerk, de Gisèle Vienne. A partir dunha novela de Dennis Cooper, co que habitualmente soe colaborar, a francesa reconstrué nesta obra o caso real de Dean Corll, quen asasinou nenos en Texas coa axuda de dous adolescentes. A representación destas historias será a través dun actor-ventrílocuo e monicreques.

Pechará o festival, o sábado 8 de febreiro, Tres vellas (polo menos) que reúne nun mesmo escenario a tres dos mellores narradores orais de Galicia: Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín e Luís Gutiérrez Guti, que ademais de fiar con humor e retranca historias cotiás e de vida, tamén cociñarán ‘in situ’ para os e as asistentes.

Colaboración internacional e venda de entradas

Ao igual que en todas as súas edicións, Escenas do cambio 2020 promovido pola Xunta conta cunha rede de colaboradores como o INAEM, o Instituto Camões de Portugal en Vigo, o Concello de Santiago e a Universidade de Santiago, xa que continúa a liña aberta de estender a súa programación máis alá do Gaiás, con representacións en diferentes espazos culturais da capital de Galicia, como o Teatro Principal.
Toda a información da programación de Escenas do Cambio 2020 está na páxina da Cidade da Cultura de Galicia e tamén na do festival.

- Publicidade -spot_img