É o evento máis esperado da tempada. E tamén o máis internacional. Con case 80 equipos rexistrados e regatistas de máis de 40 nacionalidades, o Mundial de J80 converterá a Baiona durante toda esta semana na capital internacional da vela, e é que ata a vila mariñeira chegaron equipos que representarán a países como a India, que conta con catro unidades rexistradas, ou Estados Unidos con dous.
A disputa da practice race e a cerimonia de inauguración serviron como un perfecto ensaio xeral da cita que arrinca este martes.
David Rogers, tripulante do norteamericano Underdog, afirma que “hoxe era a primeira vez que navegabamos aquí e gozámolo moito. Estamos entusiasmados coa semana que temos por diante e a verdade é que estamos encantados de estar aquí. O lugar é fermoso, o aloxamento fantástico, a xente é moi acolledora e o club recibiunos e tratado moi ben”.
Grazas ao patrocinio da Axencia de Turismo de Galicia, o Monte Real Club de Yates preparouse a conciencia para albergar a unha frota en grao sumo heteroxénea. Tal e como afirma o comodoro do club, Ignacio Sánchez Otaegui, este Mundial “é algo que viñamos perseguindo desde hai anos. O club está a apostar por estes monotipos, que teñen moi boa acollida a nivel mundial e principalmente a nivel europeo e americano, e ademais tamén gusta moito a zona, Galicia e o campo das Rías Baixas para regatear”.
Este luns, a só vinte e catro horas para que comece a acción, o club e os pantaláns viviron unha primeira e intensa xornada cos preto de 400 regatistas preparándose para comezar a pelexa polo título intercontinental.
Como favoritos parten moitos. Poucos se atreven a dicir nomes de posibles vencedores, aínda que entre os que máis soan destaca a frota española con equipos como o cinco veces campión do mundo Hotel Princesa Yaiza, do canario Rayco Tabares (RCN Arrecife); o Solintal de Ignacio Camino e o Fredo La Estrella del Norte de José María “Pichu” Torcida, que compiten o dous baixo a grímpola do segundo club con maior representación tras o Monte Real, o Real Club Marítimo de Santander; o Dorsia de Nuria Sánchez (RCR Alacante); e os locais Okofen de Javier de la Gándara e Alboroto, armado por Juan Carlos Ameneiro.
Primeira toma de contacto nas Rías Baixas e cerimonia de inauguración Tal e como estaba previsto no programa, este luns a frota estreouse nas Rías Baixas coa disputa da practice race. O vento, que se presentou con moi boas condicións tras o paso da borrasca do domingo, permitiu que a frota completase unha manga na que os equipos puideron medirse por primeira vez
Unha vez en terra, ás oito da tarde tivo lugar a cerimonia de inauguración no village do club baionés #ante centos de persoas entre regatistas, acompañantes, membros da organización e autoridades. O acto estivo presidido por José Luis Álvarez, presidente do Monte Real, e contou tamén coa presenza de Armando Gutiérrez, presidente da clase J80 España, e Jesús Vázquez Almuiña, alcalde de Baiona. A xornada deste luns tamén supuxo o arranque doutro dos grandes atractivos do Mundial. De man de Galicia Calidade, os asistentes á inauguración puideron gozar de degustacións dalgúns dos mellores produtos da terra entre xamón, empanadas, tortillas e unha variedade de queixos con Denominación de Orixe San Simón, Arzúa Ulloa, O Cebreiro e Teto, todo acompañado de cervexas Estrela Galicia, viños de adegas Terras Gauda e augas Cabreiroá.
Así, con todo listo para empezar, este martes estrearase a competición co primeiro asalto no campo de regatas e tres mangas das quince programadas ata o vindeiro sábado. O Comité tratará de dar o bocinazo de saída para a primeira á unha da tarde, aínda que todo dependerá de que se cumpra o parte meteorolóxico que vaticina ventos suaves do noroeste para partir do mediodía.
O Mundial J80 Baiona 2023 celébrase baixo a organización do Monte Real Club de Yates de Baiona co patrocinio de Turismo de Galicia e Galicia Calidade. A competición conta, ademais, coa colaboración de Deporte Galego, Deputación de Pontevedra, Repsol, Concello de Baiona, Terras Gauda e Gestilar.