A illa de San Simón acolle unha xornada que aborda a voz e a arpa como testemuñas e transmisoras da alma musical do pasado, particularmente na época medieval
O Consello da Cultura Galega e o Concello de Redondela continúan así coa programación dun ciclo conxunto que, en forma de simposio e baixo a denominación xenérica “Seíam’’eu… en San Simón”, vén celebrándose con carácter anual nesa illa desde o ano 2019.
O ciclo escolle como sede un emblemático ‘lugar de memoria’ construído como tal desde os albores da nosa cultura e céntrase en dúas liñas de traballo principais que se alternan anualmente: a cultura medieval, evocada por Mendiño, o cantor da illa, e a memoria da emigración e do exilio, que deixou fonda pegada en San Simón e na súa contorna.
Consonte a esta dupla vocación, a edición do ano 2023 céntrase no estudo da cultura medieval con especial atención ao trobador Martín Códax, figura elixida pola Real Academia de Belas Artes como homenaxeada no Día das Artes do presente ano.
Durante a mañá, os relatorios de Gorka Rubiales, da Universidad de Salamanca; Paulina Ceremuzynska, cantante e musicóloga especializada na interpretación da música antiga, e Manuel Vilas, arpista especializado en música antiga, achegarannos á iconografía musical medieval, á voz das cantigas e aos diferentes aspectos relacionados con un dos instrumentos máis caros e prezados do universo musical dos séculos X-XIV: a arpa, sen esquecer a súa importante carga simbólica, que a relaciona coa figura do rei David.
Data
Xoves, 5 de outubro de 2023
Lugar
Illa de San Simón
Redondela