spot_img
InicioO SalnésDuascentas persoas acudirán á xornada técnica sobre o futuro dos escumosos en...

Duascentas persoas acudirán á xornada técnica sobre o futuro dos escumosos en Cambados

Duascentas persoas acudirán á xornada técnica sobre o futuro dos escumosos en CambadosViticultores, adegueiros, enólogos e estudiantes duplicaron o número de solicitudes que a convocatoria cifraba en cen prazas

O alcalde, Luis Aragunde, xunto co presidente do consello regulador da D.O. Rías Baixas, Juan Gil de Araújo, o xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel P. Dubois, e o director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), Juan M. Casares, presentaron a xornada técnica sobre o futuro dos viños escumosos que se vai celebrar este venres, a partir das 9 horas, no salón de congresos J. Peña.

 

Os destinatarios desta xornada son os viticultores, adegueiros, enólogos, persoal técnico das adegas e consellos reguladores, así como persoal investigador interesado no tema e estudiantes. O número de prazas previstas para participar nesta convocatoria ascendía a cen, pero a demanda foi tan elevada que duplicáronse as solicitudes e, finalmente, inscribíronse case 200 persoas a través da páxina web da consellería do Medio Rural e do Mar.

O coñecemento das técnicas de elaboración dun viño escumoso de calidade e a descrición das principais castes de uva para a elaboración de escumosos, son dous dos obxectivos fixados para a xornada técnica que se vai celebrar este venres 12 no salón de congresos José Peña. Esta actividade, que versará sobre o futuro dos viños escumosos en Galicia, será a antesala da presentación dos escumosos Rías Baixas que, por terceiro ano consecutivo, vaise celebrar na Vila do Albariño o domingo 14 de decembro.

A organización da xornada técnica corre por conta da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), en colaboración co Concello de Cambados, consello regulador da D.O. Rías Baixas, o Instituto Galego de Calidade Ambiental (Ingacal) e a Xunta de Galicia, contando con fondos Feader da Unión Europea.

Ademais do coñecemento das técnicas de elaboración e da descrición das principais castes de uva para aplicar ós escumosos, a xornada vai afondar nas diferenzas entre os escumosos galegos e portugueses fronte ós cavas e o champaña, así como na evolución do mercado de viños visto dende Galicia.

Entre os poñentes desta xornada atópanse Joan Miquel Canals Bosch, doutor en Químicas, profesor da Facultade de Enoloxía da Universidade Rovira i Virgill; Jorge Sousa Pires, experto portugués na elaboración de viños; María Sineiro Fontenla, da adega Lagar de Besada, da D.O. Rías Baixas; Cristina Murga Macías, da adega Fragamoura, da D.O. Valdeorras; e Laura Montero Rodil, enxeñeira agrónoma, máster pola Universidade de Burdeos.

Canals Bosch falará, de 9 a 10 horas, sobre a evolución do mercado de escumosos e a experiencia do cava en Cataluña; Sousa Pires exporá –de 10 a 10.45 horas- a evolución dos escumosos en Portugal; María Sineiro e Cristina Murga –de 11.15 a 12.15 h-explicarán a visión galega na elaboración de escumosos coas variedades Albariño e Godello, mentres que Laura Montero falará –de 12.15 a 13 horas- do champaña francés e a súa diferenza cos viños escumosos e cavas. Antes da clausura formarase unha mesa redonda –de 13 a 14 horas- con todos os relatores participantes.

 

- Publicidade -spot_img