spot_img
InicioVigo e áreaVigoDo mar ao microscopio: tecnoloxía punteira en Vigo para entender o que...

Do mar ao microscopio: tecnoloxía punteira en Vigo para entender o que pasa no océano

do-mar-ao-microscopio-tecnoloxia-punteira-en-vigo-para-entender-o-que-pasa-no-oceano
A campaña conta co apoio de preto de 40 investigadores e investigadoras de cinco países europeos

Vigo está a demostrar este verán todo o seu potencial como punto clave para a realización de investigación mariña europea de vangarda grazas ao experimento Cellbloom, unha campaña científica internacional enmarcada no proxecto europeo Imagine, coordinado polo European Molecular Biology Laboratory (EMBL), con sede en Alemaña, e no que participa o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo a través da súa implicación na infraestrutura EMBRC-ERIC, así como, de xeito adicional, diferentes institucións de Francia, República Checa e Portugal.

A revista ‘Cousas de’ despídese cun número especial

Durante o mes de xullo, e con base na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat, principal infraestrutura de investigación do CIM, un equipo internacional de máis de 40 investigadoras e investigares  de cinco países europeos abordan dous grandes desafíos ambientais: como as ondas de calor mariñas afectan o equilibrio dos ecosistemas oceánicos e que interacción existe entre as floracións de microalgas nocivas, coñecidas como mareas vermellas, e as praderías mariñas de Zostera.

Efectos do quecemento nos ecosistemas acuáticos 

O experimento Cellbloom combina dous ensaios principais desenvoltos en condicións case naturais grazas ao sistema de mesocosmos da Ecimat, que permite traballar con auga mariña recollida directamente da ría de Vigo e manter condicións ambientais controladas. O primeiro busca entender como as ondas de calor mariñas afectan os ecosistemas acuáticos, un fenómeno cada vez máis frecuente debido ao cambio climático. Empréganse seis mesocosmos (tanques plásticos de 1500 litros de capacidade), que se enchen con auga mariña natural. Destas, tres sométense a un quecemento controlado mediante resistencias eléctricas que elevan a temperatura da auga tres graos Celsius por encima da temperatura das outras tres bolsas que se manteñen á temperatura da auga de mar e que serven de control.

do-mar-ao-microscopio-tecnoloxia-punteira-en-vigo-para-entender-o-que-pasa-no-oceano
O investigador do CIM Emilio Fernández, responsable do proxecto na UVigo, supervisando os experimentos no mesocosmos da Ecimat

Desta forma, pódense analizar con precisión os efectos do quecemento na composición e funcionamento do fitoplancto, bacterias e outros microorganismos, así como na dinámica xeral do ecosistema acuático contido en cada bolsa.

O responsable desta iniciativa no CIM e investigador principal do grupo de Oceanografía Biolóxica, Emilio Fernández, sinalou que “esta montaxe experimental coloca ao CIM entre os centros a nivel mundial capaces de reproducir e estudar baixo condicións controladas, pero próximas ás reais, o impacto das ondas de calor mariñas, grazas á capacidade de manter unha diferenza térmica estable e constante entre as bolsas de mesocosmos tratadas e as de control”.  Grazas á localización da Ecimat e ao seu acceso directo ao mar, “podemos traballar con comunidades naturais en volumes grandes, e durante períodos de tempo relativamente extensos, en comparación co traballo de laboratorio, o que amplía o tipo de preguntas ás que podemos tratar de dar resposta”, engadiu.

Interacción entre Zostera e microalgas tóxicas 

O segundo experimento analiza o potencial papel que teñen os compostos liberados pola planta Zostera mariña para inhibir o crecemento das microalgas tóxicas que provocan as mareas vermellas, un fenómeno que prexudica gravemente a biodiversidade mariña e afecta a actividades económicas como a pesca e o marisqueo.

Para iso, utilízanse mostras de auga natural da ría de Vigo, as cales se colocan en seis recipientes, engadindo o exudado producido por Zostera en tres deles mentres que noutros tres non se incorpora este material, actuando como control. Monitorízase o crecemento e a proliferación do fitoplancto, especialmente os dinoflaxelados, entre eles os potencialmente tóxicos, avaliando se os compostos de Zostera exercen un efecto inhibidor ou regulador sobre os organismos potencialmente nocivos, tal como xa comprobou o grupo de  Oceanografía Biolóxica do CIM en condicións de cultivo en laboratorio.

Este experimento permite explorar posibles solucións naturais e sostibles para mitigar o impacto das mareas vermellas, contribuíndo á conservación dos ecosistemas e ao desenvolvemento de estratexias baseadas na biotecnoloxía azul.

Nos experimentos, están a realizarse medicións para avaliar a resposta ao estrés térmico de procesos crave, como a absorción de nitróxeno polo fitoplancto, a actividade bacteriana ou a actividade dos herbívoros. O experimento incorpora tamén tecnoloxías de identificación de microalgas mariñas por fluorescencia desenvolvidas pola Universidade do Minho.

Infraestruturas científicas de vangarda 

Ambos os ensaios realízanse no sistema de mesocosmos da Ecimat, unha infraestrutura singular polo seu acceso directo ao mar que permite reproducir condicións naturais baixo control experimental. Ademais do sistema de mesocosmos, os científicos e científicas traballan co Laboratorio Móbil Avanzado do EMBL, un vehículo equipado con tecnoloxía de última xeración que permite procesar e conxelar mostras ao instante para a súa posterior análise mediante microscopía electrónica de alta resolución.

do-mar-ao-microscopio-tecnoloxia-punteira-en-vigo-para-entender-o-que-pasa-no-oceano
Unha das investigadoras traballando nos ensaios no mesocosmos

O director do Servizo do Laboratorio Móbil Avanzado do EMBL, Niko Leisch, explicou que “aquí podemos combinar tecnoloxía de vangarda con comunidades naturais nunha contorna experimental controlada, o que crea unha plataforma moi potente para o descubrimento. Este enfoque permítenos estudar o impacto das floracións de algas tóxicas e as ondas de calor mariñas, ata chegar aos procesos moleculares que ocorren dentro das células individuais implicadas nestes fenómenos.”

Colaboración internacional 

A campaña conta co apoio de preto de 40 investigadores e investigadoras procedentes do EMBL, o CIM, o Biology Centre da Academia Checa de Ciencias, o CNRS de Francia, a Universidade do Minho e a Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, consolidando unha rede internacional multidisciplinar de excelencia.

Esta campaña é unha mostra do valor que ten Vigo como emprazamento para a ciencia internacional. Grazas á combinación de condicións naturais únicas, capacidades loxísticas e equipamento punteiro, esta campaña é un exemplo do potencial das infraestruturas europeas de investigación para afrontar retos urxentes, fortalecendo a cooperación científica europea mediante ciencia aberta, innovación e compromiso social.

@Fonte:DUVI – Fotos:DUVI

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.