Aberto o prazo de inscrición para o curso “Monitor /a de Tempo Libre” no Concello de Nigrán.
O Concello financiará integramente este curso homologado pola Xunta de Galicia
En colaboración a Concellería Promoción Empresarial, Emprego e Comercio e a Concellería de Cultura Turismo e Deporte do Concello de Nigrán , rematando a programación anual de formación correspondente ao ano 2014, anuncian a realización dun curso de “Monitor/a de Tempo Libre”, cunha duración de 350 horas (teóricas e prácticas), dirixido de forma prioritaria a persoas desempregadas e empadroadas no noso municipio que posúan, como mínimo o Graduado Escolar. Neste curso, o alumnado aprenderá a organizar, dinamizar e evaluar actividades de ocio educativo dirixidas á infancia e a xuventude, no marco da programación xeral dunha organización, aplicando as técnicas específicas de animación grupal, incidindo na educación de valores e atendendo ás medidas básicas de seguridade e prevención de riscos.
O Concello financiará íntegramente este curso homologado pola Xunta de Galicia, o que supón unha moi boa oportunidade para as persoas interesadas neste tipo de formación, non só pola calidade e carácter oficial desta acción formativa, senón tamén polo importante aforro económico que supón dita financiación completa.
Este curso, que se impartirá nas instalacións municipais do Centro Antena de Nigrán (Rúa Otero Pedrayo, nº 52), terá unha formación teórica de 200 horas que se desenvolverá do 1 de outubro ao 10 de decembro, de luns a venres, en horario das 10:00 ás 14:00 horas. As 150 horas de prácticas que completan o programa íntegro do curso, realizaranse na súa maior parte en servizos e instalacións municipais.
O prazo de inscricións estará aberto do 08 ao 19 de setembro, poñendo a disposición dos veciños de Nigrán, un total de 25 prazas.
As persoas interesadas en participar, terán que presentar a súa solicitude no Rexistro Municipal, cubrindo unha instancia que estará a súa disposición no propio Rexistro, no Centro Antena de Nigrán, e na páxina web deste concello: www.nigran.org
Para ampliar esta información, pódese contactar co Centro Antena Municipal, no 986 – 366572, ou formular as súas preguntas a través dos correos electrónicos centroantena@nigran.org e orlaboral@nigran.org



