spot_img
InicioVigo e áreaVigoCun concerto especial a cargo da Unión Musical de Valladares, a Xunta...

Cun concerto especial a cargo da Unión Musical de Valladares, a Xunta abre en Vigo o ciclo ‘O país das bandas’

Cun concerto especial a cargo da Unión Musical de Valladares, a Xunta abre en Vigo o ciclo ‘O país das bandas’O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, abriu en Vigo o programa O país das bandas cun concerto especial no Museo do Mar de Galicia a cargo da Unión Musical de Valladares, unha das 77 formacións que forman parte deste extenso ciclo, programado no marco das actividades do Xacobeo 21-22 e que desenvolverá preto dun centenar de concertos en 80 concellos galegos ao longo de todo o verán.

No recital inaugural levado a cabo o pasado 1 de xullo, a banda viguesa fundada en 1902, unha das de máis ampla traxectoria e tradición, interpretou un programa baseado nunha serie de danzas e temas populares galegos (alboradas, alalás e muiñeiras), xunto con outros títulos máis propios do repertorio nacional e internacional, como pasodobres, xotas de concerto e danzas xitanas. Ademais, dúas das obras executadas, Cantigas de Ourense e Temas galegos para xilófono, contan con arranxos de José Iglesias Ramilo, recoñecido director e prestixioso arranxista galego de amplo percorrido en traballos para bandas de música, e que estivo á fronte da Unión Musical de Valladares durante 50 anos a quen se lle fixo entrega dun recoñecemento.

Primeiras citas dun extenso calendario

A Xunta de Galicia e a Federación Galega de Bandas de Música Populares promoven O país das bandas co obxectivo de servir de motor para a recuperación da actividade bandística na nosa Comunidade. Con tal fin, deseñouse un extenso calendario de concertos, no que participarán uns 3600 músicos que percorrerán Galicia coas súas agrupacións ata o mes de setembro.

Así, despois desta cita inaugural, nestas dúas primeiras semanas de desenvolvemento terán lugar 10 concertos abertos ao público. Serán o sábado día 3 coa Banda Escola de Música de Vilaboa en Pantón, o xoves 8 de novo no Museo do Mar coa Unión Musical de Coruxo, o venres 9 coa Banda de Música de Ordes en Lugo e o sábado 10 coa Banda de Música Isabel II de Touro en Palas de Rei e a Banda de Música de Castrelo (Cambados) en Padrón. O domingo 11 son catro os concertos previstos: a Banda de Música de Agolada en Boqueixón, a Banda de Música Xuvenil de Barro en Allariz, a Banda da Escola de Música de Rianxo en Vedra e a Banda de Música Cultural de Teo en Silleda.
3000 actividades con 9M€ de investimento

O país das bandas é unha das iniciativas incluídas Plan de Reactivación da Cultura deseñado pola Xunta, que este verán impulsará máis de 3000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento superior aos 9M€. Forma parte tamén da programación especial do Xacobeo 21-22, unha oferta diversificada e descentralizada que abrangue todas as manifestacións artísticas e se dirixe a todo tipo de públicos, tanto en zonas urbanas como no rural.

A posta en marcha de O país das bandas materializa o eixo central do convenio asinado o pasado mes de maio pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta cuadriplica a súa colaboración con esta entidade a través dun investimento de 400.000 euros. Refórzase así a colaboración co colectivo, ao que este ciclo lle ofrece unha plataforma desde a que aumentar a visibilidade social e reivindicar tanto a súa calidade musical como o seu labor de divulgación entre o gran público.

- Publicidade -spot_img