Con motivo da celebración da celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, a Xunta de Galicia ofrece, a partir do 15 de abril e ata finais de setembro, un total de 323 actuacións escénicas e musicais a cargo de 134 formacións artísticas galegas en 81 concellos.
‘Cultura no Camiño‘ retoma e reforza deste xeito unha actividade —que tivo a súa primeira entrega xa en outubro de 2013— e que encherá de espectáculos para todos os públicos as localidades participantes, radicadas nas distintas rutas xacobeas.
Concertos de diversos estilos, así como funcións de teatro, danza, música, maxia e novo circo compoñen un intenso calendario cultural e de lecer, coordinado por Turismo de Galicia e pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) como parte do programa da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.



