A última xornada de competición dos mundiais da República Checa déixanos outra medalla máis con cor galega. O cuarteto formado por Cristian Toro, Rodrigo Germade , o mallorquino Marcus Cooper e o zamorano Carlos Garrote, sumaron unha medalla máis ás súas grandísima actuación mundialista.
Ás 11:56 dábase a saída á final de K4 500, a tripulación española chegaba como favorita a optar polas medallas. O barco español realizaba unha saída moi forte para así poñerse na cabeza, mantiveron a primeira posición ata os últimos 150 metros nos que non foron capaces de seguir o forte empuxe da piragua alemá, cruzando a liña de meta a 0.637 milésimas da medalla de ouro, o terceiro posto foi para a República Checa.
A primeira final da mañá era a de K4 1000 metros, Óscar Carrera e Rubén Millán competían xunto aos asturianos Javier Cabañín e Javier Hernánz conseguiron o cuarto posto. Despois de conseguir o pase á final de forma directa o pasado venres, había moitas expectativas postas sobre esta embarcación. Realizaron unha gran regata pelexando pola medalla de bronce de xeito conxunto cos alemáns que foron bronce, o ouro e a prata foi para Australia e Hungría.
Roi Rodríguez completaba a súa participación en Racice coa final de K1 500 metros. Despois da final de onte na que non tivo o seu mellor día, buscou resarcirse na proba do medio quilómetro. Finalmente conseguiu un cuarto posto nunha final das finais máis igualadas do fin de semana. O padeeiro local Josef Dostal foi o claro vencedor, pola contra o segundo ao sexto posto decidíronse no mesmo segundo. O danés René Poulsen (1:38.267) levou a prata, o bronce colgoullo o ucraíno Oleh Kukharyk (1:38.483), mentres o tudense realizaba un tempo de 1:38.515 que o deixaba coa medalla de chocolate.
A actuación galega completárona, Teresa Portela na final B de K1 200. A padeeira de cangas gañaba a carreira de forma moi axustada e demostraba que estaba para remar a final, na que os cruces nas semifinais de onte deixárona fóra da loita polas medallas. Por outra banda, Carlos Arévalo tamén gañaba a final B do K1 200 masculino, o betanceiro lograba unha incontestable vitoria na final de consolación. Ademais, Adrián Sieiro e Sergio Vallejo competiron na final B de C2 1000, os de Poio demostraron o gran nivel alcanzado este 2017 logran a primeira posición.



