O Concello de Covelo contrata os traballos de reforma interior da escola de Redondo, na parroquia de Barcia de Mera. Con esta intervención crearanse dúas zonas diferenciadas, unha destinada a vestiarios para o equipo de fútbol que utiliza o campo anexo e outra zona que poida utilizarse como sala para actos culturais, lúdicos ou educativos.
Os traballos suporán un investimento de 32.175,88€ e consistirán na instalación de falsos teitos na zona de vestiarios, rexuntado e tratamento das paredes interiores de pedra, alicatado en vestiarios, acondicionamento dos aseos para facilitar a súa accesibilidade a persoas con mobilidade reducida, substitución das portas interiores e exteriores, mellora da instalación da iluminación e electricidade da estancia principal e pintado, entre outros arranxos.
Con esta actuación o Concello resolve os problemas de humidades e suciedade, os de deterioro polo paso do tempo, a falta de accesibilidade e desperfectos ademais de actualizar fontanería e electricidade.
O edificio da escola de Redondo, de 118,68 m2, está situado dentro da área de protección da Capela de San Xosé, elemento catalogado do Patrimonio Cultural e incluído dentro do catálogo de elementos de bens culturais do PXOM de Covelo, aprobado en 1999.
No número 22 da nosa revista dedicámoslle un artigo a Agapito Serra que no 1929 mandou construuir esta escola
Pablo Castillo, alcalde de Covelo, sinala que previamente se realizaron obras de mellora nas paredes exteriores e tellado eliminando filtracións de auga ao interior e restaurando as paredes para devolver as fachadas ao seu estado orixinal. Tamén se substituíu a carpintería de aluminio por unha máis acorde co edificio e coa súa contorna e rehabilitouse a porta principal. Tamén se realizaron traballos de rehabilitación do portal de entrada á parcela e acondicionamento básico da mesma.
Pablo Castillo engade que coas obras revitalizarase e darase continuidade ao legado do filántropo e empresario Agapito Serra Fernández que no ano 1929 mandou construír na súa aldea natal esta escola con capacidade para setenta alumnos e casa habitación correspondente para o mestre. Ao seu carón, financiou tamén a construción dunha capela dedicada ao seu santo patrón, San Xosé.
AGAPITO SERRA FERNÁNDEZ
Asentado en Lisboa montou o restaurante A Estrela de Ouro e creou unha fábrica de alimentos co mesmo nome acadando un importante éxito empresarial. En 1907 encargoulle ao arquitecto Norte Júnior edificar unha barriada de casas, que levaría o nome das súas empresas. Estas casas eran alugadas por un módico prezo aos seus traballadores e hoxe constitúen un dos barrios lisboetas máis característicos. Formado por uns 120 edificios, de dous e tres andares, tiñan acceso directo ao exterior e seguían modelos arquitectónicos de carácter ecléctico. Os edificios destacaban polos paneis de azulexos e os balcóns de ferro forxado.
Foi un destacado membro da colectividade galega asentada en Portugal, directivo de varias sociedades de socorros mutuos e un dos promotores da creación no ano 1931 do Centro Galego de Lisboa. Serra Fernández en sociedade con outros lisboetas, pasou no seu Cinema Royal o primeiro filme sonoro en Portugal.



