Os documentais “Prefiro condenarme”, de Margarita Ledo, e “Salvaxe, salvaxe”, de Emilio Fonseca, porán o broche de ouro a este ciclo, no que a institución provincial colabora coa Academia Galega do Audiovisual
Covelo acolle esta semana as dúas últimas citas co mellor audiovisual galego da man do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. As dúas sesións programadas o mércores 10 e o venres 12 de decembro terán lugar no Auditorio municipal e servirán para poñer o broche de ouro a este ciclo que no 2025 percorreu os concellos de Marín, Salvaterra de Miño, Vilanova de Arousa e Covelo.
O mércores 10 de decembro ás 18:00 horas proxectarase o documental “Prefiro condenarme”, de Margarita Ledo. Esta cinta conta a historia das mil caras de Sagrario, mariscadora na ría de Ferrol, cun ambiente familiar en perpetuo desasosego e un xuízo por adúltera aos 33 anos. Sagrario colócase fóra da regra e ao desobedecer reivindica o desexo como lei non escrita, así como a igualdade coas de “arriba” ás que ninguén critica.
Pola súa banda, o venres 12 ás 20:30 horas terá lugar a última proxección do Ciclo Mestre Mateo con “Salvaxe, salvaxe”, de Emilio Fonseca. O documental rastrexa imaxes e ausencias do lobo ibérico nos montes de Galicia e do norte de Portugal, atravesa un conto cargado de mitoloxía popular e enfróntase a unha historia audiovisual feita de imaxes-simulacro do natural e salvaxe. Este ensaio fílmico en realidade é un anti-documental de natureza: nel aparecen lobos que devolven a mirada a cámara aterrorizados e humanos que saben ouvear.



