
Dentro da programación da Festa da Arribada da Carabela Pinta, a primeira planta do edificio de Capitanía Marítima de Baiona, acolle a mostra “O carro galego e a súa feitura”.
Destacar que todos os elementos expostos forman parte da colección particular de Anxo Rodríguez Lemos, que é o Cronista Oficial da Real Vila.
O CARRO GALEGO
Ata mediados do século XX os carros compartían espazo nas estradas galegas con motocicletas e automóbiles, formando parte da paisaxe cotiá do rural galego.
O carro foi moito máis que un transporte de labor na Galicia rural. Era parte do traballo, da vida, da cultura e da paisaxe do noso país e a súa feitura, unha mestura de enxeño e arte.
Eran o medio de transporte máis habitual para todo tipo de cargas, e era moi característico o son que producían, o “canto do carro”, producido pola fricción do eixo, e que se podía escoitar a moita distancia.
O carro galego está provisto dunha vara para enganchar o tiro máis un bastidor de táboas e listóns de madeira sobre un rodado, para levar a carga.
OS FRAGUEIROS
Eran construídos por fragueiros, carpinteiros especializados na súa fabricación e reparación, que traballaban nos seu propio taller ou por veces na casa dos seus clientes. O fragueiro escollía as árbores máis axeitadas e encargábase de todo o proceso construtivo, dende a talla ó remate final.







