spot_img
InicioBaixo MiñoA GuardaCaminha e A Guarda presentan ao Goberno Portugués a candidatura do Esteiro...

Caminha e A Guarda presentan ao Goberno Portugués a candidatura do Esteiro do Miño a Patrimonio Mundial

caminha-e-a-guarda-presentan-ao-goberno-portugues-a-candidatura-do-esteiro-do-mino-a-patrimonio-mundial

O pasado venres 16 de decembro o presidente da cámara de Caminha, Miguel Alves e o alcalde da Guarda, Antonio Lomba mantiveron unha xuntanza con Luís de Castro Mendes, ministro da Cultura Portugués, para recabar o apoio do goberno Luso á candidatura do Esteiro do Miño como Patrimonio da Humanidade na categoría de Paisaxe Cultural Transfronteiriza.

A reunión tamén asistiron os dous responsables da redacción do informe que os concellos presentarán en 2017 para ser avaliado pola UNESCO para a súa inclusión na Lista Indicativa, primeiro paso no proceso de declaración de Patrimonio da Humanidade.

Durante a xuntanza na sede do Ministerio da Cultura o presidente da cámara de Caminha e o alcalde da Guarda expuxeron ao Ministro as cualidades que abalan esta candidatura na que estiveron traballando durante o último ano. O valor do esteiro e do propio río Miño para as comunidades galega e portuguesa, a riqueza paisaxística, natural, patrimonial, etnográfica, social e humana representadas nas paisaxes naturais e naquelas forxadas polas relacións humanas durante máis de 2.000 anos. Falaron en resumo daqueles valores que, segundo o seu criterio, consideran que merecen ser tidos en conta pola UNESCO como Patrimonio Mundial.

“Ademais dos valores que todos coñecemos como son: paisaxe, patrimonio e natureza, fixen tamén fincapé nas relacións humanas entre as dúas vilas e referinme expresamente ao uso dunha embarcación común coñecida como Gamela en Galicia e Masseira en Portugal. Precisamente unha reprodución dunha gamela en bronce foi o agasallo institucional que como alcalde da Guarda entreguei ao Ministro Portugués”, declara Antonio Lomba.

O profesor Jordi Tresserras, director do Laboratorio de Patrimonio, Creatividade e Turismo Cultural da Universidade de Barcelona comentou co Ministro os pormenores máis técnicos da candidatura. Comentoulle que xa tivera contactos con ICOMOS-Portugal, unha comisión dependente da UNESCO, para recabar a súa opinión sobre o documento da proposta e recibir as súas recomendacións.

O Ministro expresou interese e entusiasmo en relación á esta candidatura e animou aos presentes a continuar cun procedemento que ve con moitas posibilidades de éxito. Recordou que ao ser unha candidatura transfronteiriza tiña que ter os parabéns dos gobernos de España e Portugal. As palabras de Luís de Castro Mendes foron moi celebradas polos alcaldes que lle mostraron o seu agradecemento por telos recibido e por mostrar boa disposición coa súa proposta.

No peche da reunión o Ministro mostrou interese por facer en breve un viaxe institucional a Caminha e arrancou o compromiso de Miguel Alves de organizar un evento que dera contido á visita. Antonio Lomba aproveitou a ocasión para convidar ao Ministro a visitar A Guarda e o Monte Trega, convite que Luís de Castro Mendes aceptou de inmediato.

 

- Publicidade -spot_img