spot_img
InicioO SalnésCambadosCambados acolle a entrega do XV Premio Plácido Castro de Traducción

Cambados acolle a entrega do XV Premio Plácido Castro de Traducción

Coincidindo co Día Internacional da Tradución, este xoves 30 de setembro celebrarase en Cambados a entrega do Premio Plácido Castro de Tradución que na súa XIXª edición recaeu en Laureano AraujoCoincidindo co Día Internacional da Tradución, este xoves 30 de setembro celebrarase en Cambados a entrega do Premio Plácido Castro de Tradución que na súa XIXª edición recaeu en Laureano Araujo pola súa tradución de “Schlumpf, Erwin: Homicidio”, obra do escritor suízo Friedrich Glauser.

O xurado destacou a moi elevada calidade desta tradución, que mostra unha gran fluidez e dominio tanto do alemán como do galego. Igualmente chama a atención sobre a dificultade de incorporación dos dialectalismos propios do cantón alemán de Suíza, así como o recurso ás notas a pe de páxina que axudan a contextualizar a obra. Supón a primeira tradución ao galego deste escritor, moi recoñecido como autor de novela policial ata o punto de existir un premio que leva o seu nome.

O xurado estivo composto polos seguintes membros: D.ª Olga López López (Xunta de Galicia), D. Gabriel Álvarez (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación), D. Xosé María Gómez Clemente (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo), D. Xavier Senín Fernández (Real Academia Galega), Constantino Cordal Rodríguez (Fundación Plácido Castro) e D. Xulio Ríos (Presidente de Honra do IGADI), quen actuou en calidade de secretario do xurado, con voz pero sen voto.

O obxectivo deste premio é destaca-la calidade das traducións dos clásicos da literatura universal e pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquece-lo universo literario galego mediante a versión dos autores consagrados que escribiron noutras linguas.

Unha particularidade desta edición é que se aprazou de 2020 a 2021 por mor da pandemia.

Formado en Dereito e Ciencia Política, ademais de poeta, Laureano Araujo (Berna, 1964) exerce como profesor de alemán no ensino secundario e ten traducido a autores como Joseph Roth, Heinrich Böll, Thoman Mann ou Stefan Zweig.

A propósito de Friedrich Glauser, o propio Laureano Araujo ten sinalado que pasou á historia como un innovador do xénero policial, no cal introduciu a crítica social, e como o pai da novela negra en alemán. De feito, en Alemaña concédese anualmente o prestixioso Premio Friedrich Glauser, o galardón de literatura policial máis importante dos países xermanófonos. Glauser desmitifica a imaxe idílica de Suíza, iluminando as súas miserias e inxustizas ocultas, e é hoxe un dos escritores suízos máis emblemáticos, grazas, sobre todo, ao seu sarxento Studer, cuxa primeira aventura, Schlumpf, Erwin: Homicidio, se considera a mellor novela policial en lingua alemá. Jakob Studer é un funcionario da policía de aspecto robusto, carácter calmo e poucas palabras, como se corresponde coa súa condición de bernés testán e lento. A súa aparencia un tanto rústica, e mais o seu xeito de traballar pouco ortodoxo, adoitan facer que o subestimen. Studer é un detective humanizado, unha sorte de antítese de heroes como, por exemplo, o superdotado e frío Sherlock Holmes. Polas súas características, podería perfectamente ser un policía galego.

O premio consiste nun diploma acreditativo e unha peza escultórica deseñada expresamente para o concurso, obra de Xaquín Chaves. Así mesmo, está dotado con 2.000 euros.

Premiado e directivos da Fundación e do Concello de Cambados estarán acompañados do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García.

- Publicidade -spot_img