spot_img
InicioO MorrazoBueuBueu homenaxea a José Novas Fazanes, máis coñecido como 'Pepe O Ruso'...

Bueu homenaxea a José Novas Fazanes, máis coñecido como ‘Pepe O Ruso’ coa I Regata contrarreloxo de traíñas

bueu-homenaxea-a-jose-novas-fazanes-mais-conecido-como-pepe-o-ruso-coa-i-regata-contrarreloxo-de-trainasEste domingo, o Club do Mar de Bueu, en colaboración coa concellaría de deportes, organiza a I Regata contrarreloxo de Traíñas ‘Pepe O Ruso’, unha actividade que homenaxea a unha figura do pobo de Bueu que traballou perante moitos anos e dunha maneira desinteresada polo deporte do remo: José Novas Fazanes, máis coñecido como Pepe O Ruso.
A regata, que se presenta tamén como unha proba de pre tempada e preparación para a Liga Galega de Traíñas, levarase a cabo nun percorrido de aproximadamente 5.500 metros, nos cales estarán representados un total de once embarcacións de sete clubes: Cabo feminina, Chapela B, Bueu B, Tirán veteráns, Cabo B, Chapela A, Bueu A, Perillo, Coruxo, Amegrove e Cabo A, que sairán do peirao, pasando á altura do Xistro, praia de Beluso, Banda do Río e regreso ao peirao.
A saída da proba terá lugar ás 11.30 horas do domingo, hora na que tomará a saída a embarcación feminina de Cabo de Cruz, sendo ás 11.45 horas a saída da última traíña, a embarcación sénior de Cabo de Cruz, que vén de acadar a sexta posición na clasificación final da liga ACT. Esta orde de saída establécese en función da clasificación dos clubes na LIGA GALEGA e na ACT.
Esta I Regata Pepe O Ruso, que foi presentada o pasado luns no Concello do Bueu, non ten carácter competitivo, pero os organizadores destacan que se entregarán uns trofeos para os primeiros clasificados nas categorías sénior e veteráns masculino e feminino.
A directiva do Club do Mar aproveita este mes de xaneiro, baleiro de competicións deste tipo, para organizar eta primeira regata e así “ir engraxando as maquinarias dos remeiros e ir gañando en conxunción e harmonía”. Os que se acheguen poderán ver mellor ca nunca as traíñas, xa que o obxectivo final é que a veciñanza se achegue ao campo das regatas e as vexa máis de preto.BREVE PERFIL DE ‘PEPE O RUSO’
José Novas Fazanes, máis coñecido como Pepe O Ruso, naceu o 18 de xullo de 1919 e morreu o 24 de xullo de 2007. Desempeñou varios traballos ao longo da súa vida, como o de paraugueiro de rapaz, fontaneiro ou traballador na fábrica de Massó. O seu alcume vénlle xa do seu avó, e ten que ver coa identificación da súa ideoloxía moi apegada aos obreiros, á clase traballadora. Desde os inicios do Club do Mar colaborou co club, de forma desinteresada e sempre atenta, ata que a súa saúde o permitiu.
Unha tarefa curiosa que realizou no clube e pola que era moi recoñecido é a confección dos estrobos, aros trenzados de corda natural ou sintética coa que se unen os remos para as traíñas. Xoán, un dos seus netos, destaca que “todos se pelexaban polos estrobos de meu avó, xa que eran moi fortes”.
Despois de morrer, o Club do Mar decidiu subirse a unha traiñeira e esparcer parte das súas cinsas polo mar.
Félix Juncal define a Pepe como un “home que trasladaba o seu amor ao club e ao deporte, e nunca tiña un mal xesto nin unha mala palabra”, palabras repetidas por Manolo Otero, concelleiro de deportes, e pola directiva do Club do Mar.
- Publicidade -spot_img