spot_img
InicioVal MiñorBaionaBaiona pecha a tempada de vela de 2015 coa liga SabadellGallego...

Baiona pecha a tempada de vela de 2015 coa liga SabadellGallego Clase J80

Baiona-pecha-tempada-vela-2015 -coa-liga-SabadellGallego-Clase-J80

O campionato, organizado polo club baionés co patrocinio de SabadellGallego, Vitaldent e a Xunta de Galicia, celebrarase en augas da baía de Baiona e constará de 4 xornadas de probas que comezarán o vindeiro sábado día 17 e continuarán o 31 de outubro e o 14 e 28 de novembro

Baiona pecha a tempada de vela deste 2015 coa celebración da liga SabadellGallego Clase J80, unha competición organizada polo Monte Real Club de Yates co patrocinio de SabadellGallego, Vitaldent e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

O campionato dará comezo o vindeiro sábado día 17 na baía de Baiona coa primeira das catro xornadas programadas, que continuarán o 31 de outubro e o 14 e 28 de novembro.

Todas as probas darán comezo ás tres da tarde e constarán de varios percorridos que o comité de regata determinará dependendo das condicións meteorolóxicas e o estado do mar en cada ocasión. Poderán ser percorridos barlovento-sotavento ou trazados costeiros.

Os barcos navegarán en frota, competirán en tempo real e realizarán un máximo de 3 probas por xornada. Todas e cada unha delas puntuarán para a clasificación final da que sairá o gañador da liga, que se coñecerá a finais de novembro.

Para dar a coñecer a clase J80 a máis navegantes, a organización permitirá a inclusión dun quinto tripulante a bordo, que poderá navegar unicamente como observador. Deberá situarse detrás do patrón e non poderá participar nin nas tácticas nin nas manobras da tripulación.

A finais de novembro, ao finalizar a competición, o Monte Real Club de Yates acollerá nas súas instalacións a cerimonia de entrega de premios aos gañadores.

O Monte Real impulsa a clase J80 en Galicia

A liga SabadellGallego Clase J80 foi presentada esta mañá no Monte Real Club de Yates, nunha rolda de prensa na que participou Manuel Prol, director de Relacións Institucionais de SabadellGallego. Na súa intervención, Prol destacou a importancia do Monte Real como un dos clubs náuticos máis prestixiosos de España, referencia para regatistas e punto de escala para navegantes de todo o mundo. Co seu respaldo á liga do club baionés, SabadellGallego “sitúase como unha entidade que traballa para estar presente na vida diaria dos galegos a través de patrocinios e colaboracións que incrementan a visibilidade de iniciativas tan importantes como esta”, asegurou Prol.

Baiona-pecha-tempada-vela-2015 -coa-liga-SabadellGallego-Clase-J80
FOTO: Guillermo Caamaño • Representante Clase J80 / Alejandro Retolaza • Vicepresidente del Monte Real Club de Yates /
Manuel Prol • Director de Relaciones Institucionales de SabadellGallego / Daniel Benavides, Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta / Ángel Rodal, alcalde de Baiona

Por parte da Xunta de Galicia interveu o Xefe de Servizo da Secretaría Xeral para ou Deporte, Daniel Benavides, quen felicitou ao Monte Real e ao SabadellGallego por traballar man a man para potenciar o deporte da vela, unha idea na que tamén incidiu o alcalde en funcións de Baiona, Ángel Rodal, que ademais incidiu na importancia que ten para Baiona o deporte e o turismo naútico.A liga SabadellGallego do Monte Real servirá de preparación para a frota de J80 de face ao mundial que se celebra o ano que vén en Sotogrande (previsiblemente no mes de xuño), unha cita na que os regatistas desta clase en Galicia, representados na rolda de prensa por Guillermo Caamaño, esperan conseguir grandes resultados. Neste sentido, o Vicepresidente do Monte Real Club de Yates, Alejandro Retolaza, destacou o liderado asumido polo club baionés no impulso dos J80 en Galicia, ao organizar dous campionatos exclusivos para eles e outras regatas que os inclúen como clase, con saída e clasificación independente.

J80, unha frota en auxe en toda España

Os J80 son un tipo de embarcación en auxe en España durante os últimos anos. O impulso dado a estes monotipos desde a Asociación Nacional de J80 e os distintos clubs náuticos españois permitiu que este tipo de barcos crecesen de forma considerable, tanto en número como en calidade.

En Galicia destacan especialmente as frotas da Coruña e Baiona, que se fixeron con gran parte dos triunfos nas distintas competicións celebradas na comunidade autónoma ao longo deste 2015.

O pasado mes de setembro, o Mariña Coruña de Pablo Martínez, do Real Club Náutico da Coruña, alzábase vencedor no Campionato Ibérico de J80. O Ferralemes de Enrique Porto e o Virazón de Miguel Lago, ambos os do Monte Real Club de Yates, fixéronse coa prata e o bronce respectivamente.

- Publicidade -spot_img