spot_img
InicioVal MiñorBaionaBaiona consegue o récord de tránsito de embarcacións deportivas de Galicia por...

Baiona consegue o récord de tránsito de embarcacións deportivas de Galicia por terceiro ano consecutivo

Yates-Esteano-Monte-Real-ClubIatescelebra50-aniversarioO municipio de Baiona foi o concello galego que recibiu máis embarcacións en tránsito durante o pasado ano segundo o balance elaborado por Portos de Galicia ao peche do exercicio cos datos facilitados polos propios xestores das instalacións náutico recreativas.
Así llo comunicou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, ao alcalde de Baiona nunha reunión institucional no Concello. Durán Hermida explicou que Baiona recibiu nos seus dous portos un total de 1.106 tránsitos. Así mesmo, apuntou que o Porto Deportivo foi o terceiro peirao autonómico nesta actividade, despois de Muros e Combarro, con 639 barcos transeúntes, mentres que o Monte Real Club de Yates conseguiu os 467 ao longo do pasado ano.
O presidente de Portos lembrou que, deste xeito, o municipio de Baiona, como a comarca das Rías Baixas e a provincia de Pontevedra confirman a consolidación desta actividade portuaria que experimentara xa nos pasados anos un importante ascenso e que este ano achegou á nosa comunidade un total de 8.700 tránsitos. Así mesmo, realizou balance económico do volume de negocio xerado por esta actividade. Durán Hermida indicou que, en toda Galicia, a cifra de volume de negocio no sector auxiliar da náutica e o sector servizos das vilas portuarias superou os 2,5 millóns de euros, e no caso do municipio de Baiona situouse por encima dos 300.000 euros de forma indirecta do negocio propio nas instalacións náuticas. Con todo o presidente de Portos de Galicia destacou que: “podemos concluír que Baiona é un municipio emblema do turismo por moitísimas cuestións e que tamén o é desde o punto de vista da náutica de recreo.
O municipio está no mapa non de Galicia, nin de España, senón, polo menos de Europa, e que isto se consegue grazas ás numerosas actividades, regatas e outros eventos que se fan e poténcianse desde as diferentes entidades como os clubs de iates ou o Concello”. O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, sente moi orgulloso ante estes magníficos datos e matizou que “as persoas que chegan vía marítima supoñen un importante impulso á economía local e axudan a reactivar o sector servizos. En xeral a economía local vese moi favorecida. Estas cifras supoñen un incremento importante estimado en máis do 10% con respecto aos números do ano pasado”.
Rodal agradeceu aos clubs náuticos o seu labor fundamental no impulso da actividade náutica na vila e animounos a seguir elaborando un calendario de actividades tan completo como o que vén realizando nos últimos anos. Ante as cifras rexistradas, que van en consonancia coas dos últimos anos, Portos de Galicia mostra a súa satisfacción pola constatación da consolidación dunha actividade de importante impacto económico non só no sector portuario e náutico senón no conxunto das vilas que acollen instalación náutico recreativas.
Para Portos de Galicia, a captación de novos tránsitos é unha liña de traballo estrutural, tal como recóllese no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que o ente público está a poñer en práctica. Para impulsar estas chegadas, están a desenvolverse accións promocionais dos portos deportivos de Galicia a nivel nacional e internacional, como a súa presenza recente nos salóns náuticos de La Rochelle e París, en Francia, ou a súa próxima participación en Fitur 2018.
- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.