Inicio Galicia As obras do edificio do Campus da Auga (Ourense) entran na súa...

As obras do edificio do Campus da Auga (Ourense) entran na súa recta final

as-obras-do-edificio-do-campus-da-auga-ourense-entran-na-sua-recta-finalAlbergará 16 laboratorios, entre eles os da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo

Despois de presentar este luns á comunidade universitaria e á cidadanía o primeiro produto académico do Campus da Auga, o seu Programa de Doutoramento Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento, este martes o protagonismo correspondeulle ao que será o edificio que alberguará este proxecto de especialización do campus de Ourense. A piques de cumprirse un ano do inicio das obras, estas foron visitadas por Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Acompañados doutras autoridades e membros da comunidade universitaria, os responsables institucionais puideron coñecer de primeira man os espazos que albergarán a sede institucional do Campus de Ourense-Campus da Auga e 16 laboratorios de investigación e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. “O Campus da Auga é xa unha realidade para Ourense”, recalcou Salustiano Mato tralo percorrido.

O novo edificio constrúese no marco dun convenio asinado en 2014 entre a institución académica e a Xunta de Galicia no contexto da aposta pola especialización dos campus universitarios. Cun custe de 4,6 millóns de euros achegados pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria con Fondos Feder, as obras está previsto que rematen o vindeiro mes de novembro. Deste xeito, a actividade administrativa agárdase que comece no primeiro trimestre de 2018 e que a dotación de laboratorios se realice progresivamente ao longo de todo o ano 2018 co obxectivo de ter plenamente operativo o edificio no curso 2018/2019. “Estamos ante o primeiro campus en especializarse de Galicia”, recalcou en referencia aos campus non centrais o reitor, que fixo fincapé “na puxanza e futuro consolidado do campus de Ourense” e no seu reforzo con esta nova infraestrutura. Neste senso, Salustiano Mato quixo agradecer especialmente a aposta da consellaría e da Xunta por esta iniciativa, agradecemento do que tamén fixo partícipe ao Concello e á Deputación Provincial de Ourense, estando presentes no acto o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, e o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández.

Pola súa banda, Román Rodríguez destacou trala visita ás obras “o salto cualitativo que supón a posta en marcha deste edificio administrativo e de investigación”. O conselleiro subliñou a importancia do desenvolvemento deste campus de especialización, que, indicou, está chamado a ser “o centro de referencia na investigación da auga dentro de Galicia”. Deste xeito, recalcou como esta infraestrutura permitirá “concentrar un grupo de investigadores importante” vencellados a un recurso “fundamental para Galicia” como é a auga. A posta en marcha desta iniciativa, lembrou Román Rodríguez, responde a “un modelo intelixente de especialización” dos campus que no caso de Ourense permitirá “dar oportunidades aos estudantes e ao conxunto da sociedade”. Nesta “senda de crecemento”, o titular de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria avanzou durante a visita a próxima sinatura, en setembro ou outubro, dun novo convenio coa Universidade de Vigo para o impulso eficiente das estruturas de investigación do campus de Ourense, dotado con 3,6 millóns de euros para distintas accións vinculadas ao Campus da Auga e á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, entre outros aspectos.

16 laboratorios singulares e un laboratorio de hidráulica

O novo edificio, de tres plantas e máis de 3500 metros cadrados, contará con 16 laboratorios singulares e un laboratorio de hidráulica. Na primeira planta situaranse laboratorios singulares de contaminación de augas e solos; tecnoloxía e diagnose de medios acuáticos; compostos bioactivos e antioxidantes; avaliación toxicolóxica de augas e alimentos; biotecnoloxía; tecnoloxía dos alimentos e nutrición e bromatoloxía. Na segunda planta estarán laboratorios singulares de arqueoloxía e territorio; análise de concas hidrográficas e informática aplicada. Esta segunda planta completarase coa ubicación do Laboratorio Espacial da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, dunha aula de informática e dun espazo para o Programa de Doutoramento do Campus da Auga.

Polo que respecta ao laboratorio de hidráulica, o principal uso será para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, que terá nel un laboratorio de aerodinámica, outro de propulsión e motores e outro de materiais e resistencia de materiais. Ademais, neste laboratorio de hidráulica haberá un espazo de investigación en hidroloxía e outro en arqueoloxía, territorio e auga. Por último, o novo edificio tamén pasará a estar ocupado polos servizos administrativos do campus de Ourense, ata o de agora dispersos en diferentes edificios, e dará soporte á Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus da Auga.

Rosa Tedín | Univ. Ourense 

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

691FansGóstame
300SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies