spot_img
InicioO MorrazoBueuAs entradas para o 9º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu...

As entradas para o 9º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu sairán á venda o luns

as-entradas-para-o-9o-festival-internacional-de-curtametraxes-de-bueu-sairan-a-venda-o-luns

O abono para a sección Competición custará 6 euros pero a gran maioría das actividades e proxeccións seguirán sendo de balde.

Os abonos para a sección Competición do 9º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu sairán á venda o vindeiro luns 29 de agosto na web www.ficbueu.com. Asistir ás catro sesións deste apartado custará 6 euros, mentres que o prezo das entradas soltas será de 2 euros por día. No entanto, este ano o público terá acceso gratuíto a máis proxeccións e actividades ca en ningunha das anteriores edicións do FICBUEU.

Ata o 10 de setembro poderá realizarse a compra online do bono de catro xornadas, para o pase das 20 horas ou ben para o das 22 horas, nos que se exhibirán as vinte curtas a concurso entre o luns 12 e o xoves 15 de setembro. Con este abono regalarase asemade o catálogo do evento. Outra posibilidade é adquirir o abono “plus”, que por un total de 15 euros inclúe ademais unha camiseta e unha chapa do FICBUEU 2016.

A partir do sábado 10, día en que comeza o festival, os abonos deberán trocarse pola pulseira de acceso no despacho de billetes que se instalará no Centro Social do Mar. Desde entón xa non se poderá mercar o bono online, só presencialmente. Nesa data tamén sairán á venda as entradas diarias, na páxina web e no despacho de billetes. Do mesmo xeito, o catálogo co programa e toda a información desta novena edición está xa á dispoñible polo módico prezo de 1 euro nas librerías colaboradoras -Miranda, Abrente e Marpau-, aínda que tamén se pode descargar libremente na páxina do festival.

As proxeccións das sete seccións paralelas do FICBUEU 2016, que suman preto de 50 curtas, serán de balde, así como as restantes actividades que se desenvolverán ata o 18 de setembro: conferencias, obradoiros, roteiros, etc. A programación detallada figura na web e nas redes sociais do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu.

- Publicidade -spot_img