spot_img
InicioGaliciaA CoruñaAs aldeas: espazos de memoria e de futuro

As aldeas: espazos de memoria e de futuro

As aldeas espazos de memoria e de futuro O grupo de Traballo Pensamento e Ensaio da Real Academia Galega celebrou a súa primeira actividade pública, un foro que promove a reflexión sobre o papel das aldeas dende novas olladas

Revista Cousas De Nº22

O grupo de traballo Pensamento e Ensaio da Real Academia Galega celebrou o pasado xoves a súa primeira actividade pública, un foro de reflexión arredor do papel das aldeas na sociedade actual que contou coa participación da poeta María Sánchez, o arqueólogo Alfredo González Ruibal, a gandeira Ana Corredoira e o arquitecto Iago Lestegás. O encontro reuniu diversas olladas que afondarán no legado cultural vinculado a esta forma de habitar o territorio e tamén nas maneiras de construír novas oportunidades de futuro. “Necesitamos tecer redes que nos permitan desenvolver proxectos e fixar poboación e traballo. A actividade sobre o territorio exerce un labor ambiental, de protección e de coidado. O seu abandono ten repercusión inmediatas”, advirte Ana Corredoira.

A xornada “As aldeas: espazos de memoria e de futuro” foi presentada polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a directora da Sección de Literatura –na que se insire o novo grupo de traballo–, Marilar Aleixandre, quen moderou as intervencións. A tarde contou ademais coa música de Caamaño&Ameixeiras.

As aldeas espazos de memoria e de futuro

O grupo Pensamento e Ensaio “pretende contribuír a elaborar discursos alternativos, contrahexemónicos, sobre Galicia, revelando as potencialidades do país”, explica Marilar Aleixandre. “As aldeas gardan valores inmateriais, patrimonios como a lingua e a poesía popular. As aldeas custodian o silencio como as abellas o mel. O océano de silencios permítenos oírnos a nós mesmas, escoitar a voz dos pensamentos”, engade a académica.

O programa arrincou coa intervención de María Sánchez, natural de Córdoba e veciña na actualidade do Saviñao. Veterinaria especializada en razas autóctonas en risco de extinción, como poeta foi recoñecida, entre outros galardóns, co Premio Princesa de Girona Artes e Letras 2021 polo seu labor como creadora e activista en defensa da cultural rural ou o Premio Nacional de Mocidade de Cultura do Instituto da Mocidade de España (INJUVE) por contribuír coa súa poesía a visibilizar de xeito innovador a necesidade de manter a vida no campo. A súa intervención centrarase na memoria da terra vinculada ás achegas das mulleres, que tradicionalmente quedou fóra do ámbito académico, “invisibilizada e non recoñecida”. “Quero reivindicar os saberes e faceres das mulleres, a importancia de todos os seus coñecementos e das mulleres nas aldeas e nos medios rurais. Necesitamos redignificar a súa historia, as súas vidas, sobre todo nestes tempos de discursos tan reaccionarios nos que se romantiza a ditadura e se chega a dicir que as nosas nais e as nosas avoas  vivían mellor”, comenta.

“Alumear outros futuros”

O arqueólogo Alfredo González Ruibal abordou deseguido o que conta a arqueoloxía sobre a cultura campesiña. Investigador no Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC, é pioneiro nas escavacións de campos de concentración españois de Castuera, Jadraque, nun programa de investigación sobre o conflito e a violencia, do Brasil ao Corno de África. Estudou as comunidades da Idade de Ferro en Galicia e na actualidade as aldeas galegas abandonadas.

As aldeas espazos de memoria e de futuro

As aldeas, sostén o arqueólogo, teñen historia, tan interesante coma a dos pazos ou as igrexas. “Existe unha imaxe estática das aldeas galegas, como se o mundo rural estivese fóra da historia. Porén, a arqueoloxía ofrece unha visión ben distinta. As aldeas de Galicia son, parafraseando o poema de Celso Emilio Ferreiro, sementeira do pasado -de moitos pasados- e poden alumear outros futuros”, valora.

Ana Corredoira, natural e veciña de Palas de Rei, incidiu precisamente, dende a súa propia experiencia, na construción dun futuro nestes espazos como unha aposta que abrangue dende a sustentabilidade social á ambiental. Bióloga de formación, é parte da segunda xeración á fronte da granxa ecolóxica A Cernada –que leva o nome da súa aldea– e socia da cooperativa As Vacas da Ulloa. Concelleira do PSdG en Palas, é activista da plataforma Ulloa Viva, colectivo veciñal en contra do proxecto de instalación dunha macrocelulosa na comarca, e que defende os proxectos de vida nas aldeas.

“Para min é tan importante o que fago como dende onde o fago. Configuramos o noso proxecto da maneira na que entendiamos, por un lado, a produción e, por outro, a nosa maneira de habitar o territorio. Ademais de desenvolver na aldea unha profesión da que estou orgullosa, aquí temos un modelo de convivencia en perigo de extinción, pero de éxito se avaliamos a estrutura dos coidados: vivimos na mesma casa catro xeracións, coa miña avoa, a miña nai e a miña filla”, comparte.

Á procura de novos camiños nun sector ameazado pola falta de remuda xeracional,  en 2021 Ana puxo a andar o proxecto cooperativo As Vacas da Ulloa, da man de Marta Álvarez, da Granxa Maruxa de Monterroso. “Defendemos moito a unidade de comarca porque entendemos que para nós é unha paisaxe común, un territorio sobre o que estamos a tecer moitísimos vínculos”, destaca. Unha paisaxe que, reflexiona, a acción humana ten a capacidade de modelar pero que tamén modela a quen a habita. “Determina o noso presente e determinará o noso futuro”, afirma, preocupada pola “ameza e agresión” que advirte no proxecto de celulosa que Altri pretende desenvolver en Palas de Rei.

“Estamos moi satisfeitos e encantados de poder traer este evento a Galicia. É unha competición que reafirma o noso proxecto, e o feito de que estas tripulacións visítennos e estean aquí non pode ser máis que unha satisfacción. Estamos moi agradecidos a Turismo de Galicia, e as Administracións en xeral, porque sen eles non sería posible”, dixo o presidente do Monte Real, José Luis Álvarez, tras finalizar a entrega de trofeos. A 44 CUP Baiona 2024 estivo organizada polo Monte Real Club de Iates co patrocinio de Turismo de Galicia e a colaboración da Deputación de Pontevedra, Gestilar, Adegas Terras Gauda, Volvo Autesa e Deporte Galego.

Pechou a quenda de intervencións o arquitecto lugués Iago Lestegás. Titulado pola Universidade Politécnica de Madrid e doutor en Rexeneración Urbana e Desenvolvemento Económico pola Universidade Mediterránea de Reggio Calabria (Italia), actualmente é concelleiro do BNG e responsable de Urbanismo en Santiago de Compostela. Na súa intervención abordou os desafíos da xestión dun territorio híbrido, como son moitas cidades galegas nas que, como en Compostela, as parroquias rurais se entretecen co espazo urbano. “A modernización desfigurou o territorio galego e hoxe son necesarias estratexias de ordenación e planificación que conteñan a expansión urbana e optimicen o uso dos edificios e asentamentos que xa existen”, apunta o especialista.

A xornada organízase coa colaboración económica do Concello da Coruña e da Xunta de Galicia.

- Publicidade -spot_img