Un video mapping e un xogo de escapismo completan a oferta de actividades deseñada pola Deputación de Pontevedra para o Nadal no Castelo de Soutomaior
Este mércores 6 de decembro comezaron as visitas teatralizadas de Nadal ao Castelo de Soutomaior con todas as prazas esgotadas. Ofertáronse en total 300 prazas para estas visitas que permitirán achegarse á historia do castelo dun xeito divertido e ameno entre o mércores e o domingo 10 de decembro. Ademais desta actividade, este ano súmanse dúas grandes novidades á programación de Nadal da Deputación no Castelo de Soutomaior: un espectáculo de vídeo mapping e un xogo de escapismo.
O vídeo mapping consiste, tal e como explicou o presidente da institución provincial Luis López, nun espectáculo gratuíto de luz e son proxectado na Torre da Homenaxe do Castelo. Terá unha duración de seis minutos e haberá pases continuos desde o atardecer ata as 21:00 horas. A cidadanía interesada en gozar deste vídeo mapping poderao facer entre o 22 de decembro e o 4 de xaneiro, exceptuando os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1 de xaneiro que coinciden coas datas de peche do Castelo de Soutomaior.
No que respecta ao xogo de escapismo, aberto a maiores de 8 anos, trátase de vivir en primeira persoa o asedio ao Castelo de Soutomaior. Para elo, tal e como informou Luis López, os participantes, nun tempo máximo de 60 minutos, terán que resolver probas e pistas en grupos para axudar a Pedro Madruga a parar aos Irmandiños. A actividade, para a que xa se pode adquirir entrada en www.castelodesoutomaior.com, terá lugar os días 21,22, 23, 26, 28, 29 e 30 de decembro e os días 3 e 4 de xaneiro, con 6 pases ao día dende as 11 ata as 14 horas e dende as 16 ás 19 horas.