spot_img
InicioVal MiñorNigránAcordo de colaboración co Club Baloncesto Airexa Nigrán e o Bosco Celta...

Acordo de colaboración co Club Baloncesto Airexa Nigrán e o Bosco Celta de Vigo para a promoción do minibasket

Nigrán, acordo con CB

O goberno municipal asinou hoxe un acordo de colaboración co Club de Baloncesto Airexa de Nigrán e o Club Deportivo Bosco Celta de Vigo dirixido a pór en valor a práctica do minibasket no municipio.

Con este convenio, a entidade viguesa asumirá a xestión deportiva desta disciplina do club local, á vez que porá en marcha unha serie de accións dirixidas a promocionar a práctica deste deporte nos centros escolares do municipio.

Tanto as clases como as accións de promoción contempladas no convenio de colaboración poranse en marcha o próximo mes de setembro, coincidindo co inicio do curso académico, co obxectivo común de fomentar a práctica desta modalidade deportiva entre a poboación escolar de Nigrán.

Así pois, o staff técnico do Bosco Celta de Vigo impartirá as clases do Club Baloncesto Airexa Nigrán na disciplina de minibasket, tanto masculino como feminino nas categorías alevín, benjamín e baby. Os días fixados para os adestramentos de minibasket serán luns, martes e venres, nas instalacións cubertas do C.E.I.P. de Panxón.

Paralelamente, o club vigués realizará as tarefas de promoción nos distintos colexios do municipio, co fin de dar a coñecer esta modalidade deportiva entre a poboación escolar e captar futuros xogadores e xogadoras entre o alumnado de primaria.

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, aplaudiu esta iniciativa e destacou a importancia de que un staff técnico da talla do Bosco Celta de Vigo pase a formar parte da oferta deportiva local.

Así mesmo, destacou a colaboración do concello nesta nova etapa que se abre para o Club Baloncesto Airexa Nigrán, “coa que apoiamos o fomento, a promoción e a práctica do deporte, neste caso do minibasket, entre os máis pequenos”, conclúe.

Desde o club céltico, valoran este convenio como unha oportunidade de desenvolver o seu labor de promoción, captación e formación nun espazo xeográfico diferente ao que é natural no club. “Para nós o minibasket é a base da pirámide, non en balde gran parte das xogadoras que hoxe xogan no noso senior comezaron xogando antes dos 12 anos no noso club”, observa o presidente do club, Carlos Álvarez. “É unha honra que un club de percorrido como é o Airexa Nigrán e un Concello como Nigrán conten connosco para dar solidez ao proxecto de baloncesto local. Trasladar a nosa experiencia a Nigrán é un reto apetecible e apaixonante”, engade.

Pola súa banda, o Club Baloncesto Airexa Nigrán une nesta tempada 2014/2015 o seu camiño co buque insignia do baloncesto feminino galego, ?para que tanto as nosas nenas como os nosos nenos poidan recibir a mellor formación, encargándose de promocionar, difundir e impulsar o baloncesto entre a poboación escolar de Nigrán?, recolle o presidente do club local, Javier Iglesias.

- Publicidade -spot_img