Nunha xornada sobre apoios para a instalación de equipos de Biomasa, o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, salienta que a orde deste ano permitirá xerar un aforro anual de ata 4 millóns en comparación cos combustibles convencionais
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, destacou hoxe que, no marco da aposta pola biomasa e co obxectivo de reforzar o uso deste combustible, o Goberno galego destina este ano máis de 12,5 millóns para a implantación de máis de 1.000 novas caldeiras na Comunidade. “Deste xeito, buscamos incrementar a demanda nos fogares, nas empresas e na propia administración pública, reducindo á metade o gasto en calefacción cun maior compromiso medio ambiental”, salientou Bernardo Tahoces.
Neste sentido, explicou o director xeral, os novos equipamentos permitirán xerar un aforro económico anual de ata 4 millóns en comparación co emprego doutros combustibles convencionais, ao tempo que evitarán a emisión á atmosfera de 30.000 toneladas de CO2 por exercicio.
Os proxectos, dirixidos ao ámbito rural, favorecerán o incremento da demanda en familias, empresas e administración pública con apoios que cobren ata o 75% do seu custo. Así, xunto á aposta pola biomasa nas familias galegas, que se enmarca no Plan de Vivenda Eficiente e suma unha partida de 3 millóns de euros, destínanse case 5,5 millóns a fomentar o emprego da biomasa no tecido empresarial galego, favorecendo a súa competitividade, e na propia Administración.
Así mesmo, e como principal novidade, salientou Bernardo Tahoces, este ano resérvanse 4 millóns de euros á realización de proxectos singulares de district heating, o que permitirá promocionar estas redes de subministración de enerxía xerada con biomasa. Deste xeito, fomentaranse ditas instalacións entre os concellos e as empresas galegas, instalando redes de enerxía térmica con capacidade para cubrir a demanda de varios edificios.
Todas estas actuacións, salientou o director xeral, se encadran no marco da Estratexia de Impulso da Biomasa Forestal que está a promover o Goberno galego co obxectivo de potenciar o uso dunha “enerxía limpa, capaz de reducir a dependencia enerxética de Galicia dos derivados do petróleo; de mellorar a xestión e o rendemento dos montes galegos, contribuíndo á prevención de incendios forestais; de impulsar o aforro e a eficiencia enerxética; e de protexer o medio natural”.
Neste contexto, Bernardo Tahoces sinalou que as actuacións previstas para este ano permitirán mobilizar “24 millóns potenciando unha nova industria ao servizo da recuperación económica” e aproveitando “todo o potencial dos nosos montes”. Así, lembrou, desde a posta en marcha da Estratexia téñense instalado xa 2.000 caldeiras na Comunidade, favorecendo o “despegue da biomasa como fonte de enerxía de presente e de futuro, ao tempo que se fortalece a industria madeireira”.
Para isto, lembrou o director xeral, a Xunta está a dar diversos pasos no marco da Estratexia de Impulso da Biomasa, non só na procura do incremento da demanda, senón tamén na excelencia dos produtos galegos, motivo polo que o selo Galicia Calidade está a certificar a orixe e calidade dos pellets e estelas producidos a partir da biomasa forestal galega. Ademais, estase a apostar pola innovación, fomentando a colaboración do CIS Madeira para propiciar novos proxectos que incrementen a capacidade innovadora da industria; e pola formación e a divulgación, a través do Foro da Biomasa.



