Inicio Galicia A Xunta ofrece o espazo Adestra #NaCasa no que as federacións deportivas...

A Xunta ofrece o espazo Adestra #NaCasa no que as federacións deportivas de Galicia amosan o seu traballo cos deportistas no período de confinamento

A Xunta ofrece o espazo Adestra #NaCasa no que as federacións deportivas de Galicia amosan o seu traballo cos deportistas no período de confinamentoNo marco do convenio establecido entre a Secretaría Xeral para o Deporte e a CRTVG, a canle emite a partir de hoxe nos seus informativos imaxes de vídeo nas que os técnicos galegos indican as pautas que seguen os deportistas de alto nivel durante o confinamento

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, promove a iniciativa Adestra #NaCasa, un espazo dentro da páxina web da propia Secretaría no que as federacións deportivas de Galicia amosan o seu traballo cos deportistas no período de confinamento. Esta ferramenta nace das reunións que o Goberno galego está a manter cos responsables do tecido deportivo galego sendo os técnicos do Centro de Tecnificación Deportiva os pioneiros no seu uso.

Deste xeito configúrase un repositorio de arquivos, documentos, ligazóns e material de diversa índole orientado ao adestramento na casa en tempos de confinamento. O obxecto deste espazo é axudar a todos os deportistas galegos neste período, así como optimizar os efectos positivos e minimizar os prexuízos da declaración do estado de alarma no eido deportivo.

Na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte pódense consultar a día de hoxe os plans de traballo para os deportistas das federacións galegas de atletismo, bádminton, balonmán, fútbol, karate, judo, loita, natación, piragüismo, remo, salvamento e socorrismo, taekwondo, tríatlon e péntatlon moderno, xadrez, ximnasia e vela. Ademais da planificación deportiva de cada federación durante o período de confinamento amosada con exercicios físicos para realizar na casa e vídeos explicativos, as federacións tamén achegan unha serie de pautas psicolóxicas a seguir na casa para non perder o ánimo e manter a concentración. Cómpre salientar o esforzo dalgunhas federacións que ademais do seu plan de adestramento achegan unha serie de exercicios a realizar na casa adaptados ao nivel de cada deportista. Tamén se achegan pautas nutricionais, recomendacións para alimentarse correctamente e consellos para facilitar a corentena.

Emisións na CRTVG

No marco do convenio establecido entre a Secretaría Xeral para o Deporte e a CRTVG “para o fomento do deporte base, feminino e alternativos”, e ante a excelente resposta dos técnicos do Centro Galego de Tecnificación Deportiva e das distintas federacións deportivas, a canle emite a partir de hoxe imaxes de vídeo nas que os técnicos galegos indican as pautas que seguen os deportistas de alto nivel durante o confinamento. Ademais créase, dentro da programación da CRTVG, o microespazo Adestra #NaCasa no que se emitirán de modo íntegro estas pezas realizadas polos técnicos do CGTD e das federacións deportivas de Galicia.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, valorou a boa resposta de federacións, clubs e deportistas ante o período de confinamento decretado polo estado de alarma polo coronavirus e destacou a importancia de ter “un espazo común ao que os deportistas de cada modalidade ou especialidade poidan referirse para manter o seu estado de forma físico e psicolóxico”. Do mesmo xeito, dixo o mandatario galego, Adestra #NaCasa é unha mostra do traballo continuado e a creatividade dos responsables do tecido deportivo de Galicia porque “ante a situación que estamos a vivir, o deporte galego non se para, aínda que quedemos na casa”.

Con respecto ao espazo televisivo para Adestra #NaCasa, o secretario xeral apuntou que deste xeito envíase á poboación galega en xeral e aos deportistas galegos en particular “unha mensaxe de optimismo co obxectivo de animar a que todos e todas nos manteñamos activos durante o confinamento”.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies