
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co Concello de Mondariz-Balneario, en Pontevedra, nunha actuación urbanística para renovar e mellorar o paseo fluvial de Troncoso.
Así o comprometeu a titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, quen asinou esta mañá un convenio co rexedor, José Antonio Lorenzo, segundo o cal a Xunta aportará o 70% do custo estimado da obra -é dicir, 32.766 euros- e o 30% restante -14.042 euros-correrá a cargo do propio concello.
Grazas a esta intervención, como subliñou a conselleira, contribuirase a poñer en valor un importante enclave para o turismo de balnearios e de natureza deste municipio, recoñecido como un referente termal a nivel nacional e mesmo europeo. Neste sentido, Vázquez Mejuto lembrou que a senda fluvial de Troncoso discorre a carón do río Tea e une diferentes puntos de interese de Mondariz-Balneario, polo que a actuación comprometida beneficiará tanto á veciñanza como ás persoas que a visiten na procura de experiencias de ocio e termalismo.
No marco deste proxecto prevese acometer unha mellora da pavimentación existente, colocar peitorís de protección nos treitos en que sexa necesario, anchear o sendeiro nalgúns puntos e entubar unha canle de auga próxima ao quilómetro sete. A intervención tamén inclúe obras na contorna co fin de dotar ao paseo actual de novas zonas de aparcadoiro, renovar as canalizacións do alumeado e habilitar unha área de descanso na Fonte de Troncoso.
A zona do muíño será outro dos puntos nos que se centrará a actuación, coidando especialmente a estética da obra para o que está previsto realizar a pavimentación con granito, renovar cinco bancos do mesmo material xa existentes e recolocar as papeleiras.
Unha vez contratados os traballos, que terán un custo total estimado de 46.808 euros, o prazo de execución será de dous meses polo que, tal e como resaltou a conselleira, o obxectivo é que o novo paseo estea listo para estrearse antes do verán, de xeito que tanto os veciños como os turistas que se acheguen ata a vila termal poidan desfrutar desta ruta ao carón do río Tea aproveitando o bo tempo.



