spot_img
InicioO MorrazoCangas do MorrazoA Xunta impulsa a Praza de abastos de Cangas como dinamizadora da...

A Xunta impulsa a Praza de abastos de Cangas como dinamizadora da economía local e escaparate dos produtos de calidade da zona

directora-xera-Comercio-Sol-Vázquez-Abeal-visitou-hoxe-mercado-Cangas-EconomíaA directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe o mercado, ao que Economía e Industria leva destinado preto de 150.000 euros nos dous últimos anos

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe xunto co alcalde de Cangas, José Enrique Sotelo, a praza de abastos da localidade, na que veñen de realizarse melloras contando cun apoio da Consellería de Economía e Industria de preto de 150.000 euros nos dous últimos anos.

Na visita, Vázquez Abeal sinalou que as reformas realizadas este ano, que dan continuidade ás desenvolvidas en 2013, e que se teñen centrado en aspectos como a imaxe exterior e melloras no teito e na pavimentación, entre outros, fana máis atractiva para a clientela e permiten dinamizar as vendas no mercado, salientando a importancia do mesmo como elemento dinamizador da economía local e escaparate dos produtos de calidade da zona.

Neste sentido, a directora xeral de Comercio salientou que as prazas de abastos se configuran como auténticos motores do comercio de proximidade, destacando a colaboración do Goberno galego cos concellos para potenciar os mercados, impulsando unha venda moderna, con novos servizos, ao tempo que se mantén a súa esencia, baseada na calidade, a diversidade, e a atención ao cliente.

Neste sentido, tal e como destacou Vázquez Abeal, hoxe mesmo publícase no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria do programa de apoios aos concellos galegos para impulsar as prazas de abastos, dotada con preto de 3 millóns de euros. Mediante esta convocatoria, para a que se poderán presentar solicitudes ata o vindeiro 23 de febreiro, os municipios de ata 70.000 habitantes poderán optar a axudas para a modernización dos mercados que chegan aos 150.000 euros.

Apoiaranse tamén actuacións para atraer nova clientela e dinamizar as vendas nas prazas de abastos, así como proxectos de mellora nas rúas contiguas ás mesmas, con axudas de ata 80.000 euros. Os concellos de menos de 20.000 habitantes poden acceder ademais a apoios de ata 30.000 euros para realizar melloras nos espazos destinados aos mercados tradicionais de apertura periódica.

A estas axudas súmase o programa para impulsar as asociacións de comerciantes na dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, dotado con 2,2 millóns de euros, cuxa nova convocatoria permanecerá aberta ata o vindeiro 13 de febreiro.

A través desta iniciativa, que se enmarca na estratexia específica do Goberno galego para impulsar o comercio de proximidade como creador de riqueza e emprego e un importante dinamizador das vilas e cidades galegas, apoiaranse diferentes actuacións que permitirán atraer nova clientela ao comercio de proximidade e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores.

 

- Publicidade -spot_img