O Ipmpa vigués ou o Igafa arousán son algún dos centros que acollen ata 97 ciclos medios, superiores e non regrados que suman 500 matriculados e nos que o Goberno autonómico investiu 12 millóns de euros
A Consellería do Mar da Xunta de Galicia vén de investir este ano 12,3 millóns de euros para financiar unha rede de centros de formación marítimo-pesqueira. Co obxectivo de facer fronte ao reto que supón a remuda xeracional nun sector estratéxico para Galicia, o Goberno autonómico ofrece un total de 97 ciclos medios e superiores a cursar en catro centros distribuídos entre as provincias da Coruña e Pontevedra, dous deles recoñecidos como Centros de Referencia Nacional no ámbito marítimo.
No curso actual cóntanse 500 persoas matriculadas, un 3% máis ca o pasado ano e o mellor dato dende o exercicio 2018/2019. A oferta formativa divídese entre o Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo (Ipmpa) e o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) da Illa de Arousa, ambos Centros de Referencia Nacional; así como nas Escolas Oficiais Náuticas-Pesqueiras de Ribeira e Ferrol.
Nestes catro centros, os usuarios do programa poderán cursar os ciclos superiores de Patrón de Altura, Mecánico Maior Naval ou Acuicultura, e os ciclos medios de Patrón de Litoral, Mecánico Naval, Cultivos Acuícolas ou Operacións Subacuáticas e Hiperbáricas, entre outros. A oferta formativa complétase, ademais, cunha serie de cursos de formación non regrada que o ano pasado superaron os 100 e rexistraron máis de 1.200 persoas matriculadas.
Igafa e Ipmpa, referentes nacionais e europeos
Nesta rede autonómica destaca o Igafa, Centro de Referencia Nacional en Acuicultura e Mergullo e o único que imparte formación profesional nestas áreas en Galicia. Dende o curso 2003/2004 ofrece tamén o Mestrado Universitario en Innovación, Tecnoloxía da Produción e Xestión Acuícula, ao abeiro do que se integrou en 2010 no programa de axudas Erasmus+ para formación no estranxeiro. Entre as súas instalacións destacan distintas salas equipadas con materiais e instrumentos modernos, unha piscina interior, un foxo-piscina exterior, unha cámara hiperbárica, unha estación de carga de gases, obradoiros de soldadura e mecánica, unha sala de acuarioloxía e varias embarcacións.
Recentemente o seu ciclo superior de Técnico de Operacións Subacuáticas e Hiperbáricas foi homologado pola IMCA, a principal entidade a nivel mundial que establece as normas e directrices para as operacións de mergullo en alta mar. Un fito que convirte ao instituto arousán no primeiro centro público de España en acadar este recoñecemento e sitúao como referente a nivel internacional en termos de recursos, instalacións e procesos formativos. Este curso, de dous anos de duración, recibe na actualidade unha grande demanda sobre as súas 12 prazas dispoñibles. Os seus outros ciclos, o superior de Acuicultura e o medio de Cultivos Acuícolas, forman este ano académico a unhas 97 persoas.
A oferta do Instituto compleméntase con cursos de menor duración coma os xa mencionados, de iniciación ao mergullo profesional, mergullador profesional de segunda clase, recolector de recursos específicos, primeiros auxilios e reciclaxe para mergulladores, entre outros.
Xunto co Igafa, o Ipmpa vigués é tamén CRN, no seu caso de Pesca e Navegación, e centro pioneiro no ámbito da formación marítimo-pesqueira en España. Cada curso, entre 350 e 400 persoas son usuarias das súas avanzadas instalacións, que inclúen obradoiros de motores, mecanizado e soldadura, simuladores avanzados de navegación, comunicación e máquinas, e un planetario cunha bóveda de 8 metros que foi vangarda en España e Europa. Ademais, o centro conta cunha residencia anexa con 70 prazas.
A inserción laboral e o impulso do sector coma obxectivos
O sector marítimo-pesqueiro supón o 5% do PIB de Galicia e uns 50.000 postos de traballo, cifras que o converten na maior rexión pesqueira de toda Europa. A aposta por este tipo de propostas formativas por parte da Xunta enmárcanse no impulso dunha actividade esencial para a economía galega e que supón unha vía de acceso ao mercado laboral fundamental para as novas xeracións do país, tal coma o demostran os bos datos de inserción destes cursos.
Cada ano, o ciclo de TOSH do Igafa goza dun 100% de empregabilidade do seu alumnado, e un total de 70 estudantes do Ipmpa realizan as súas formacións prácticas en buques pesqueiros internacionais e de pasaxe ou remolcadores. Ademais, finalizadas as preparacións teóricas e prácticas nas escolas náuticas de Ribeira e Ferrol, outros 220 novos profesionais incorporaranse ao mercado laboral nalgún dos buques pesqueiros da frota galega, contribuíndo xunto cos graduados dos demais centros a asegurar a remuda xeracional nos oficios do mar.
A actividade formativa impulsada pola Consellería do Mar sitúase ao abeiro dunha orde de axudas bianual dotada con 1,5 millóns de euros, e grazas á que o ano pasado 273 persoas xa se viran beneficiadas por outros 20 cursos organizados por distintas asociacións pesqueiras. Na presente anualidade, os 97 novos cursos están a ser impartidos por un total de 17 confrarías e cooperativas de diferentes concellos costeiros, un esforzo colectivo destinado á capacitación profesional de tódalas persoas interesadas no traballo do sector, así como ao mantemento do seu papel líder en Europa e como motor económico e de xeración de emprego en Galicia.






