spot_img
InicioGaliciaA Xunta convida aos centros comerciais abertos e prazas de abastos a...

A Xunta convida aos centros comerciais abertos e prazas de abastos a participar no novo programa de axudas de 2,2 millóns

Este ano apoiáronse máis de 500 iniciativas, entre as que se atopan campañas de Nadal ou rebaixas, noites en branco e sistemas de aparcadoiro

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, reuniuse hoxe con representantes de centros comerciais abertos galegos co obxectivo de achegarlles a nova convocatoria do programa de axudas ás asociacións de comerciantes para o impulso dos CCAs e as prazas de abastos. Vázquez Abeal, que avaliou con eles diferentes liñas de actuación no eido da dinamización comercial, subliñou a oportunidade que supoñen os 2,2 millóns aprobados pola Xunta para consolidar os CCA e os mercados como eixos da competitividade do sector e motores económicos dos seus ámbitos urbanos.

Vázquez Abeal sinalou durante o encontro, ao que asistiu tamén o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, que as asociacións de comerciantes poderán obter apoios para campañas de dinamización, sistemas de fidelización de clientes ou proxectos de sinalización comercial externa, ademais de axudas para o funcionamento das unidades xerenciais e, no caso das asociacións das prazas de abastos, melloras en instalacións e equipamentos.

O obxectivo é superar as cifras da convocatoria de 2014, na cal obtiveron apoios un total de 52 centros comerciais abertos e 22 asociacións de prazas, o que redundou no beneficio de máis de 5.000 pequenos comercios agrupados nelas, e na posta en marcha de máis de 500 actuacións, entre as que se atopan campañas de Nadal ou rebaixas, noites en branco ou sistemas de desconto para clientes en aparcadoiros.

As axudas, que poderán solicitarse durante o prazo dun mes a partir da súa publicación, poden chegar no caso dos centros comerciais abertos ata os 40.000 euros e alcanzar o 80% do investimento subvencionable, en función da poboación dos concellos en que están situados e do número de establecementos asociados. No caso das asociacións das prazas de abastos, a porcentaxe de axuda é do 70%, podendo alcanzar a subvención un máximo de 9.800 euros.

Entre os criterios de valoración para acceder aos apoios, prímase o autofinanciamento das asociacións, a través da captación de socios, prevalecen as actuacións que sexan máis innovadoras, que teñan un maior alcance e impliquen un maior número de comercios, así como as que supoñan beneficios para o ambiente ou as familias numerosas.

O impulso ao asociacionismo comercial, ao cal a Consellería de Economía e Industria destinou máis de 3 millóns de euros este ano en apoios a centros comerciais abertos e prazas de abastos, federacións e asociacións de comerciantes, é unha das liñas principais de apoio ao sector do Goberno galego.

Neste eido estase a desenvolver tamén a campaña de dinamización Centros comerciais abertos. Máis que comercio!, coa que a Consellería de Economía e Industria busca reforzar o comercio de proximidade e impulsar as vendas, ao tempo que se resalta o traballo dos centros comerciais abertos. Esta iniciativa, que se desenvolve cada mes en 5 CCA diferentes, premia a confianza dos clientes que escollan ao seu establecemento favorito. Máis de 4.300 establecementos de toda Galicia téñense beneficiado xa desta iniciativa, que supera as 330.000 participacións de clientes.

- Publicidade -spot_img