Inicio Galicia A Xunta avanza con empresas e axentes implicados medidas para impulsar o...

A Xunta avanza con empresas e axentes implicados medidas para impulsar o uso da xeotermia contribuíndo á creación de emprego

Xunta-empresas-impulsar-uso-da-xeotermia-contribuíndo-creación-empregoO conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro con empresas e asociacións da cadea de valor da xeotermia en Galicia, co obxectivo de avanzar nas medidas para impulsar o uso desta enerxía limpa e renovable nos fogares galegos e contribuír deste xeito á creación de riqueza e emprego neste sector con interese crecente en Galicia, e que factura xa 15 millóns de euros ao ano.

O encontro forma parte do diálogo para consensuar cos diferentes axentes implicados o novo plan no que a Xunta está a traballar para promover a climatización mediante enerxía xeotérmica. No mesmo participaron representantes da Asociación Clúster da Xeotermia de Galicia (Acluxega) e do centro tecnolóxico EnergyLab, así como do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia e da Asociación Técnica Española de Climatización e Refrixeración, ademais de diferentes empresas que forman parte deste ámbito de actividade.

Tal e como se subliñou na reunión, co desenvolvemento do plan da xeotermia, co que se fomentará o aforro e a eficiencia enerxética, búscase situar a Galicia como referente en xeotermia e xerar valor e emprego en todo o ciclo produtivo asociado ao aproveitamento desta enerxía, activando unha industria que involucra desde empresas de sondaxe e instaladoras, a arquitectos e aparelladores, enxeñarías e fabricantes.

Nos últimos tres anos téñense realizado arredor de 800 instalacións de climatización mediante xeotermia en Galicia, alcanzando deste xeito o 35% das instalacións rexistradas en España hoxe en día. De cara a impulsar aínda máis a demanda deste tipo de sistemas, o Goberno galego activará proximamente unha liña de axudas específica para a implantación de equipos de xeotermia. Os beneficiarios desta convocatoria, como sucede coas de caldeiras de biomasa, poderán solicitar a dedución do 5% na súa declaración da renda, establecida polo Goberno galego para fomentar a instalación de equipos que empreguen fontes renovables.

Así mesmo, lembrouse na reunión, na que o conselleiro escoitou as achegas dos axentes implicados, que se está a traballar na simplificación da autorización administrativa para a instalación destes equipos, que pasará de rexerse pola lei mineira a facelo polo regulamento de instalacións térmicas. Tamén se incide na formación de especialistas e na divulgación.

Do mesmo xeito, con esta iniciativa enmarcada na aposta da Xunta polas fontes renovables autóctonas como un dos piares fundamentais da súa política enerxética, reducirase a dependencia enerxética dos derivados do petróleo, e contribuirase á protección do medio natural coa conseguinte redución de emisións de CO2.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies