A XI Eurocidade BTT, que se celebrará o domingo 17 deste mes, aspira a reunir a 1.200 participantes nunha proba única de carácter transfronteirizo.
Este evento, que forma parte do calendario deportivo da Eurocidade Tui-Valença, foi presentado este mediodía polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, os concelleiros de Deportes de Tui e Valença, Rafael Estévez e Arlindo Sousa, o seleccionador da Federación Galega de Ciclismo, Óscar Sánchez, o presidente da Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas organizadores da BTT, Eduardo Fernández, así como o ciclista local Manuel Bugallo. Contará con dúas distancias, 45 kms e 80 kms, e por vez primeira os particiantes de ambas distancias subirán ao monte Faro en Valença.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou na súa intervención que a Eurocidade BTT “reúne todos os ingredientes para converterse nunha proba única”. Aludía así ao seu carácter transfronteirizo, á participación que acada, e ao entorno natural polo que transcorre. Reafirmou o rexedor tudense o compromiso da Eurocidade co deporte e con esta proba. Aproveitou amais para recoñecer á Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas o seu traballo agradecéndolle a organización dun evento destas características.
No mesmo senso pronunciouse o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, agradecendo o traballo que hai xa meses comezou a Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas para preparar todas as pistas por onde pasará o percorrido. Referíase a esat coma unha proba “raíña” na Eurocidade. Ao tempo aludiu tamén á organización dunha andaina, que guiará o club Andatui, dirixida aos acompañantes dos ciclistas. Agarda Rafael Estévez chegar aos 1.200 inscritos, lembrando que o prazo remata este domingo.
O seu homólogo de Valença, Arlindo Sousa, puxo o énfase en que a Eurocidade BTT é unha proba en pleno contacto coa natureza, que permite aos participantes coñecer os dous municipios e “os nosos montes”. Amosou a súa satisfacción polo feito de que por primeira vez os dous percorridos suban ao Monte Faro.
O seleccionador da Federación Galega de Ciclismo, Óscar Sánchez, amosou a súa satisfacción polo feito de que a Eurocidade BTT forme parte tamén do calendario deportivo da federación galega, e destacou que de todas as probas que celebran ao longo do ano, nas distintas modalidades, esta é a máis numerosa en canto a participación. Salientou tamén o lugar por onde transcorre o percorrido.
O presidente da Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, Eduardo Fernandez, explicou de forma detallada o percorrido da proba nas dúas distancias 45 kms e 80 kms. Sairá ás 9 h do entorno da piscina municipal de Valença para facer os cinco primeiro quilómetros neutralizados polas rúas de Valença e Tui. Comezará a ascensión polas ladeiras do Monte Aloia e volverá a Valença pola vella Ponte Internacional até a Fortaleza, no quilómetro 20, para continuar pola freguesía de Gandra e subir ao Monte Faro.
Na baixada haberá dúas opcións, unha con trialeiras e outra alternativa por pistas, até volver á Ponte Internacional onde ás 12.30 h se marcará o punto de corte para os que afronten o percorrido longo de 80 quilómetros. Os participantes continuarán por Areas, Pexegueiro, o sendeiro do Furnia, Malvas, o Aloia, baixando por Frinxo, Rebordáns, até a zona da Veiga do Louro onde cruzarán pola ponte peonil da desembocadura do río Louro, e volverán a Valença onde no interior da fortaleza estará situada a liña de meta.
Animaba Eduardo Fernández a participar, lembrando que o prazo de inscrición remata este domingo a través da web biciosos.gal.
Por último o corredor local, Manuel Bugallo, salientaba que esta é proba “espectacular e única en Galicia” animando a participar na mesma.