spot_img
InicioVigo e áreaSoutomaiorA vendimia da explotación vitivinícola do Castelo de Soutomaior deixa 16.000 quilos...

A vendimia da explotación vitivinícola do Castelo de Soutomaior deixa 16.000 quilos de uva albariña

a-escola-de-igualdade-maria-vinyals-situada-no-castelo-de-soutomaior-acolle-a-xornada-muller-e-liderado

A institución provincial recibirá preto de 21.000 € en concepto da colleita tras adxudicar a poxa pública á empresa Quinta das Eirás, S.L.

A Deputación de Pontevedra vén de entregar preto de 16.000 quilos de uva albariña froito da vendima da explotación vitivinícola do Castelo de Soutomaior que se produciu por segunda vez este ano a través dunha poxa pública para o alleamento da mesma mediante procedemento aberto.

A empresa gañadora da poxa foi Quinta das Eirás, S.L., que ofertou un prezo por quilo de 1,32 euros. Trala recollida e entrega de 15.818 quilos de uva albariña procedentes da explotación do Castelo, a institución provincial recibirá a cantidade de 20.892,41 €. Estes 15.818 quilos supoñen un incremento de máis de mil quilos en relación coa colleita do ano pasado, na que se recolleron 14.720 quilos.

Lembramos que, ao igual que xa se fixera o ano pasado, cando se procedeu a poxar publicamente esta uva por primeira vez, as empresas interesadas en vendimar a uva do Castelo de Soutomaior puideron presentar as súas propostas e a adega gañadora, Quinta das Eirás, S.L. neste caso, foi a encargada de levar a cabo a vendima da uva, da recollida da mesma na leira do Castelo e tamén do traslado á adega. O único criterio de adxudicación que se tivo en conta dende a institución provincial foi a puxa máis alta, partindo dun prezo mínimo establecido en 1,10 € o quilo. No caso de ter habido dúas ou máis propostas idénticas, a uva repartiríase por igual entre as empresas interesadas.

O Castelo de Soutomaior, fortaleza da Idade Media que hoxe en día é patrimonio público, foi adquirido pola institución provincial no ano 1982 e a súa explotación vitivinícola, que conta con catro hectáreas (o Castelo ten unha extensión de 33), data do ano 1984. A respecto deste singular espazo, as últimas semanas a Deputación de Pontevedra presentou un ambicioso Plan de Usos e Viabilidade do Castelo co obxectivo de definir o seu novo papel, ofertar un novo produto de turismo cultural e de lecer, determinar un novo plan de usos así como un plan de viabilidade económica a medio prazo para impulsar o seu rendemento. O modelo de produto polo que aposta a institución provincial é o dun espazo de lecer familiar, ao abeiro do cal xa se están a producir actividades coma as visitas teatralizadas, que rematan o vindeiro 23 de outubro e cuxas prazas xa se esgotaron aos poucos días de iniciar o proceso de reserva das mesmas.

- Publicidade -spot_img