Sinatura dixital, gobernanza, algoritmo, maruxía ou mar de ardora son algunhas das palabras que conforman a Escolma de termos científicos II, un minidicionario que ten como cometido amosar a capacidade do galego para expresar o coñecemento científico. Estas voces, xunto con outras moitas ata sumar 31 termos, integran a nova edición do glosario de vocabulario científico-técnico impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo co gallo do Mes da Ciencia en Galego.
Desde a UCC+i subliñan que esta segunda escolma, realizada en colaboración coa Área de Normalización Lingüística (ANL), “amplía o traballo iniciado o ano pasado e evidencia a capacidade do galego para nomear conceptos técnicos e adaptarse aos retos dunha sociedade dixital e cambiante”. Deste xeito, aspírase a “conseguir unha publicación estable que cada ano recolla termos de áreas de coñecemento diferentes, todas elas estudadas na Universidade de Vigo”.
Informática, xestión pública e bioloxía mariña
O glosario vai precedido dun prólogo do reitor da UVigo, Manuel Reigosa, no que se destaca a idoneidade da lingua galega para a produción e difusión científicas e a “afouteza” que caracteriza a UVigo na defensa do idioma propio. Tamén incorpora un limiar no que a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, subliña a importancia de conservar a nosa “vitalidade léxica, científica e cultural”.
Mentres que o ano pasado a escolma recolleu vocabulario das áreas do dereito, o medio ambiente e a micoloxía, nesta edición a selección de termos procede do mundo da informática, a xestión pública e a bioloxía mariña.

O primeiro capítulo do libro está dedicado aos termos informáticos, un eido fortemente influído polo léxico inglés no que aparecen voces propias como algoritmo ou sinatura dixital e referencias a Ada Lovelace ou Ana María Prieto, pioneiras da programación. As definicións, que proporcionan unha contextualización galega dos termos alén do seu significado formal, foron elaboradas por Alma María Gómez, Xosé Antón Vila e María José Lado, persoal docente e investigador da Escola de Enxeñaría Informática do campus de Ourense.
Na área da xestión pública inclúense conceptos como gobernanza, goberno aberto, cooperación para o desenvolvemento ou dirección e xestión pública, inseridos na cultura política galega, ademais de mencións a figuras fundamentais como as «Sinsombrero» ou Maruja Mallo. Para esta sección contouse coa colaboración de Xosé M.ª Mahou, Virginia Romero, Fernando Martínez, Óscar Briones, Ángela Fernández, Enrique José Varela, Bruno González-Cacheda, Victoria Canoura, Manuel Joaquín Pérez, Ignacio Nicolás Fernández e Constantino Cordal.
A sección dedicada á bioloxía mariña, a cargo de Estefanía Paredes e Sara Campos, recolle voces intimamente ligadas ao litoral galego como arnela, caramuxo, marea viva, maruxía ou mar de ardora.
Múltiples contidos adicionais: fotografías, cronogramas, receitas…
Ao longo de toda a publicación incorpóranse elementos que complementan e enriquecen o glosario, como fotografías, diagramas, cronogramas, infografías e mesmo receitas de cociña. “Buscouse elaborar un dicionario que, ademais das definicións, ofrecese contidos adicionais capaces de ampliar a comprensión dos termos”, abundan dende a UCC+i. Así, por exemplo, na entrada dedicada á arnela inclúese tamén unha relación das praias que reciben esta denominación na nosa comunidade.
A publicación complétase cunha serie de planificadores semanais ilustrados e cun conxunto de pousavasos que recollen algunhas das voces seleccionadas. Este material distribuirase en centros educativos, bares, facultades e servizos da UVigo, co obxectivo de aumentar a presenza do galego nos espazos da vida diaria. As publicacións repartiranse entre as bibliotecas de centros educativos das catro provincias galegas. O persoal da UVigo interesado en recibir unha copia do minidicionario poderá solicitalo enviando un correo electrónico a ucc@uvigo.gal.
As accións de conmemoración do Mes da Ciencia en Galego, incluíndo a publicación da II Escolma de termos científicos e os materiais de acompañamento, insírense dentro do plan especial 5º Aniversario Ciencia de Ida e Volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
Recta final do concurso de monólogos científicos
Desde a UCC+i lembran que ata o 4 de decembro continúa aberto o prazo para a presentación de candidaturas ao concurso de monólogos científicos Gargallada Científica, dirixido ao persoal investigador da Universidade de Vigo.
O certame convida a enviar vídeos inéditos de ata tres minutos nos que o humor, funcione como vías para comunicar ciencia en galego. O concurso conta cun único premio, un kit audiovisual valorado en 600 euros, e culminará cun solo de ciencia o 11 de decembro no Vitruvia Café de Vigo, no que a persoa gañadora interpretará o seu monólogo ao vivo xunto con outras divulgadoras e divulgadores.



