spot_img
InicioVigo e áreaVigoA UVigo acolle, por primeira vez na súa historia, a defensa dunha...

A UVigo acolle, por primeira vez na súa historia, a defensa dunha tese de doutoramento en lingua de signos

a-uvigo-acolle-por-primeira-vez-na-sua-historia-a-defensa-dunha-tese-de-doutoramento-en-lingua-de-signos
María Luz Esteban defendendo a súa tese en lingua de signos coa intérprete á esquerda da imaxe

Xa se tiñan defendido na Universidade de Vigo diferentes teses de doutoramento sobre Lingua de Signos Española, LSE, pero ata agora nunca se lera ningunha nesta lingua. Fíxoo María Luz Esteban Saiz, sociolingüista xorda con máis de 30 anos de traxectoria profesional e, desde agora, autora da primeira tese de doutoramento defendida na UVigo en lingua de signos, unha investigación de grande alcance social na que se sitúa e pon de relevo a política lingüística da lingua de signos española desde 1980 ata a actualidade.

A revista ‘Cousas de’ despídese cun número especial

A tese, dirixida pola catedrática Mª del Carmen Cabeza Pereiro,  defendeuse na Facultade de Filoloxía e Tradución o pasado 11 de xullo nun acto, “tremendamente emotivo”, no que a lingua signada foi a gran protagonista e no que a autora, directora desde 2011 do Centro de Normalización Lingüística de la Lengua de Signos Española, CNLSE, estivo arroupada por numerosos compañeiros e compañeiras, así como docentes que non quixeron perderse unha data tan especial, tendo en conta que en España o número de persoas xordas que teñen un doutoramento non chega a unha ducia. “Agardo que este acto axude a que máis persoas xordas se animen a doutorarse no campo da lingua de signos e os estudos xordos”, subliñou a autora, ao que Cabeza engadiu que esta tese é tamén a primeira que se defende en Galica “por unha persoa xorda que defende en lingua de signos”.

“Contribuír á xustiza social e ao empoderamento das persoas xordas”

“Como persoa xorda e defensora dos intereses da minoría xorda, optei por desenvolver unha perspectiva de investigación máis humanística, situando as persoas xordas no centro do escenario, motivada polo desexo de utilizar esta tese como ferramenta para abordar a desigualdade social”, explica a autora, ao que engade que o propósito desta investigación non foi outro que “contribuír á xustiza lingüística e ao empoderamento das persoas xordas e as súas organizacións, así como outorgar á lingua de signos o lugar que merece, tanto no ámbito científico como na vida en xeral”.

“Indagando na historia e, sobre todo, nos debates que se xeraron en torno á redacción da lei que regula os dereitos lingüísticos das persoas xordas, a tese saca a relucir actitudes que manteñen a ideoloxía supremacista do audismo (ou fonocentrismo), isto é, o prexuízo de que a linguaxe oral é superior á signada”, explica a directora da tese, Mª del Carmen Cabeza, autora de numerosos traballos de investigación sobre as linguas de signos das comunidades xordas e, xa de xeito máis concreto, sobre aspectos sociolingüísticos da comunidade xorda en España. “Con esta tese dáselle voz ás persoas xordas que tiveron algún papel nese proceso de desenvolvemento da planificación lingüística da LSE”, recalca Cabeza.

Un estudo que pon de relevo “relacións asimétricas de poder”

Os datos obtidos no estudo revelan que as ideoloxías lingüísticas impregnan os marcos valorativos dos grupos políticos e sociais involucrados. Estes axentes, influenciados polas súas propias crenzas, interpretan e apropian a política lingüística de maneira que poden restrinxir ou promover o multilingüismo, dependendo dos seus intereses e obxectivos. “O debate estivo marcado por unha polarización que evidencia dous modelos mentais distintos, o que influíu significativamente nas decisións e resultados do proceso político e social, pondo de relevo as relacións asimétricas de poder inherentes ao contexto”, explica Esteban.

Desde o punto de vista da autora, en termos metodolóxicos os estudos sobre linguas de signos e persoas xordas requiren unha maior aplicación da etnografía crítica da política lingüística, entendida como unha investigación baseada na observación próxima, no terreo, onde as e os investigadores se insiran nos contextos reais de espazo e tempo para comprender como e por que as persoas actúan, pensan e senten de determinadas maneiras. “Adoptar esta perspectiva implica colaborar activamente coa comunidade xorda utilizando ferramentas que non só iluminen as inxustizas lingüísticas, senón que tamén identifiquen oportunidades concretas para promover un cambio positivo”.

Segundo María Luz Esteban, unha das contribucións centrais do seu estudo é a necesidade prestar atención ao lugar que estas análises ocupan na vida das persoas xordas e nas súas estratexias de empoderamento. “A etnografía crítica da política lingüística non só facilita a xeración de coñecemento e teorías, senón que tamén permite contrarrestar o predominio de paradigmas e ideoloxías hexemónicas, crear conciencia e contribuír ao cambio”.

En particular, os achados revelan que botar un ollo etnográfico aos procesos de política e planificación lingüística da LSE a nivel de comunidade permite descubrir “voces indistintas, motivacións encubertas, ideoloxías subxacentes ou consecuencias non desexadas nos procesos de creación, interpretación e apropiación en contextos específicos”. Nesta liña, salienta a importancia de contribuír “á promoción da diversidade lingüística, á educación multilingüe e a xustiza social”.

Longa traxectoria investigadora da UVigo en materia de LS

A confianza da directora do CNLSE no programa de doutoramento en Estudos lingüísticos da Universidade de Vigo para facer o seu doutoramento é froito dunha extensa colaboración entre a institución académica viguesa e o CNLSE, que vén desde a mesma fundación deste centro no 2011. “Comprende labores de apoio ao desenvolvemento de recursos lingüísticos da lingua de signos, colaboración en proxectos de investigación a través dos grupos de investigación GTM e GRADES, así como tamén a titorización de prácticas curriculares da Facultade de Filoloxía e Tradución”, explica Cabeza, quen lembra que o Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española conta cun pequeno itinerario de lingua de signos  .

“Na Universidade de Vigo levan desenvolvéndose traballos de investigación sobre a lingua de signos desde os anos 90 do século pasado, nomeadamente co obxectivo de desenvolver recursos lingüísticos que contribúan á investigación básica e ao desenvolvemento de tecnoloxías lingüísticas, sen esquecer a perspectiva sociolingüística e a dimensión aplicada”, engadiu Cabeza.

A presentación da tese de María Luz Esteban contou coa asistencia entre o público da directora da Área de Diversidade da Universidade de Vigo, Raquel Rey.

Fonte:DUVI Foto:DUVI

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.