spot_img
InicioGaliciaA Tropa de Trapo xira con tres espectáculos de contos con valores...

A Tropa de Trapo xira con tres espectáculos de contos con valores por concellos do Fondo Galego

a-tropa-de-trapo-xira-con-tres-espectaculos-de-contos-con-valores-por-concellos-do-fondo-galego‘Contamos todas’, centrado na igualdade de xénero, e ‘Ti tamén contas’ levan aparellados obradoiros participativos para facer reflexionar ao alumnado

A Tropa de Trapo levará este ano algún dos seus tres espectáculos de contos con valores a máis de vinte concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A compañía compostelá mestura as historias contadas con música en directo e obradoiros participativos para facer reflexionar á rapazada.

Por primeira vez representarase para administracións locais asociadas ao Fondo Galego o espectáculo ‘Contamos todas’, centrado na desigualdade e na violencia de xénero. A sesión ábrese cos contos ‘As mulleres de Torneiros’ e ‘Liberia’, exemplos de vida, de mulleres que se enfrontaron a diversas situacións. Historias para pensar, exemplos de empoderamento, rebeldía, equidade e superación. A actividade leva aparellado un obradoiro no que se contará coa opinión do alumnado, para rematar representando as súas propias propostas mediante o emprego de técnicas do Teatro da Oprimida.

A xira dará comezo o 19 de maio en Xove e recalará logo nos municipios de Valga, Silleda, Lousame, O Barco, Carballo, Monforte, Burela, Tomiño e Malpica. Outros dez concellos acollerán o espectáculo ‘Ti tamén contas’, onde as historias ‘O home feliz’, ‘A pelota’ e ‘Tumbé’, permiten introducir cuestións coma o materialismo, o traballo infantil ou as catástrofes naturais. A seguir, debátese co alumnado arredor da relación entre a abundancia e a felicidade, o consumo responsable ou a importancia da cooperación, sempre a través de dinámicas activas. Tras o arranque en Barro o 26 de maio, a actividade pasará por Boiro, Corcubión, Mugardos, Moaña, Soutomaior, Cambados, Arteixo, Vilagarcía e Pontedeume.

Por último, a proposta ‘Antía, Wamba e o regato pequeno’ representarase naqueles concellos que este ano se sumen ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A obra está protagonizada por unha nena galega e un mozo do Congo que se busca a vida vendendo de todo na rúa. Os contos del e as merendas dela fundiranse nunha amizade que lle aprenderá a Antía que compartir non é dar o que che sobra e que, como din na tribo de Wamba, o río énchese con regatos pequenos.

A Tropa de Trapo

Marta Ortiz e Brais das Hortas levan dez anos percorrendo a xeografía galega como A Tropa de Trapo, un proxecto co que recollen e crean contos para levalos a escena con música en directo, ben con instrumentos habituais como con outros elaborados a partir de refugallos. Os seus espectáculos, de carácter participativo, buscan un equilibrio entre entreter e educar, cun trasfondo social e unha vertente pedagóxica coidada. Por un lado, ritmo, música, narración áxil e pingas de humor. E, por outro, a convicción profunda da necesidade de falar de valores como a liberdade, a solidariedade, o respecto ou a igualdade.

O Fondo Galego de Cooperación

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 89 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade chega en 2017 ao seu vixésimo aniversario.

- Publicidade -spot_img