O Parador de Baiona acollerá, do 13 ao 15 de marzo, a terceira edición do Blue Atlantic Forum (BAF), organizado polo Concello de Baiona, co apoio da Autoridade Portuaria de Vigo e Abanca, e co financiamento de GALP Ría de Vigo A Guarda, Xunta de Galicia e a Unión Europea.
Profesionais e expertos en diferentes áreas como gobernanza azul, emprendemento e innovación ou ecosistemas azuis compartirán os seus coñecementos e experiencias para atopar solucións innovadoras que impulsen unha economía azul máis próspera e promovan a sustentabilidade e o desenvolvemento económico a través do uso responsable dos recursos mariños.
Durante tres xornadas, debaterase sobre economía azul atlántica e os seus cinco sectores con máis impacto: enerxías renovables mariñas, turismo, pesca, acuicultura e biotecnoloxía mariña. En concreto, abordaranse temas como a economía azul como facilitador estratéxico do territorio, as claves para unha transición enerxética sostible, o emprendemento e a innovación, a cooperación como ferramenta de xeración de valor ou a pesca como elemento diferenciador dos destinos de costa, entre outros.
Tal e como explicou o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, na presentación do foro que tivo lugar esta mañá: “con proxectos como o que acabamos de presentar o Concello de Baiona aposta por novos conceptos como a economía azul, que pode converterse nun dos principais impulsores do crecemento de Europa no futuro. Para alcanzar isto, é fundamental a INNOVACIÓN (panca para o cambio), a PARTICIPACIÓN e a CALIDADE, ademais da SUSTENTABILIDADE. Buscamos reforzar a nosa posición como destino azul por excelencia dentro do panorama autonómico e nacional, tanto pola nosa situación xeográfica, como pola importancia económica das empresas dos sectores consolidados e emerxentes da economía azul na nosa contorna”.
Tamén participaron na presentación Carlos Botana, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo; Ángela Rodríguez Miguéns, directora de Zona ABANCA e os concelleiros do Concello de Baiona Sheila González Martíns (Turismo) e Joaquín López Goce (Pesca, Marisqueo e Actividades Marítimas). Espazo de encontro e reflexión.
Blue Atlantic Forum converteuse nunha oportunidade para reflexionar, analizar os beneficios e desafíos da economía azul e xerar accións concretas que contribúan a un futuro sostible para as comunidades costeiras e o medio ambiente mariño. Ademais, trátase da plataforma ideal para establecer contactos e xerar novas oportunidades de colaboración na economía azul entre participantes de diferentes entidades e sectores.




