
A competición de snipes de madeira é unha das actividades que se enmarca dentro do Europeo do Sur e convértese no colofón ao 80 aniversario da creación da frota de Snipes do Real Club Náutico de Vigo, a 136 do mundo e a primeira de España.
O Real Club Náutico de Vigo, organizador destes eventos de vela lixeira, atopou na administración provincial que preside Carmela Silva o perfecto socio para celebrar un fito histórico, pois o Snipe, chegado a Vigo en 1934, foi o primeiro barco considerado como estratéxico para unificar a promoción, expansión e desenvolvemento da vela en todo o país.
A Deputación de Pontevedra envorcouse co Campionato do Sur de Europa de Snipe, desde o xoves ata o domingo na ría de Vigo creando a Copa Deputación para esta competición. Por iso, o responsable de Deportes da Deputación, Gorka Gómez, mantivo un encontro cunha delegación dos participantes na regata e tamén cos que participan na proba de clásicos, que se disputará este xoves ás 14:00 horas en varias mangas.
A frota de clásicos, con unidades chegadas de toda España, este xoves ás 14:00 horas na ría de Vigo
O deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, felicitou ao Náutico e á RFGV por traer este evento, con récord de participación neste século, e puxo en valor a aposta da Deputación pola vela no seu encontro cunha delegación de participantes no Europeo e na regata de clásicos.
Gorka Gómez, deputado provincial, explicou que “é un evento moi importante para a provincia de Pontevedra e a cidade porque é un éxito de participación. E é o Europeo Sur con máis participación deste século”. O político vigués subliñou a “aposta da Deputación pola sinerxia economía, deporte e turismo” e deu a benvida a todos os participantes e, en especial, aos da regata de clásicos que levarán ao auga auténticas xoias da vela lixeira construídas fai máis de medio século. Gorka Gómez tamén se mostrou “moi agradecido ao Náutico e á Real Federación Galega de Vela polo esforzo para traer este evento internacional e moito máis no contexto de pandemia no que estamos actualmente, que dificulta moito a realización de eventos deportivos”.



