Inicio Galicia Compostela A Real Filharmonía de Galicia arranca un ciclo de concertos gratuítos ao...

A Real Filharmonía de Galicia arranca un ciclo de concertos gratuítos ao aire libre en barrios de Santiago

Real-Filharmonía-Galicia-arranca-ciclo-concertos-gratuítos-aire-libre-barrios-SantiagoO Consorcio de Santiago ten o propósito de achegar cada vez máis a Real Filharmonía de Galicia e a música clásica aos cidadáns. Así, ao longo desta temporada están previstas actuacións na rúa e noutros espazos diferentes á sede da orquestra, o Auditorio de Galicia. Nesta liña, a RFG arranca esta semana con varios concertos gratuítos ao aire libre en barrios significativos da cidade compostelá; baixo a batuta do mestre holandés afincado en Galicia Bram Sniekers. A iniciativa foi presentada en rolda de prensa pola primeira tenente de alcalde, María Rozas, acompañada da xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, e a subdirectora do Auditorio de Galicia, Silvia Modia.

Na súa intervención, a primeira tenente de alcalde salientou que “esta temporada é moi especial porque se cumpren 20 anos da creación da orquestra, que xa se converteu nun referente dentro e fóra de Santiago”. E sinalou que “un dos propósitos é facilitar o acceso de todos os cidadáns á RFG, levándoa á rúa e a zonas representativas da cidade”.

Esta semana celebrarase un total de cinco actuacións, que terán lugar o martes 15 en Fontiñas, o mércores 16 en Vite, o xoves 17 en Conxo, o venres 18 en San Pedro e o sábado 19 no Ensanche. Cada unha destas citas musicais comezará ás 20:00 horas.

O concerto de Fontiñas realizarase na praza de Europa, en Área Central; o de Vite, no parque da Ponte Mantible; o de Conxo, detrás do Centro Sociocultural Aurelio Aguirre; a actuación do barrio de San Pedro, no xardín da Zona C de Bonaval e, por último, o concerto programado para o Ensanche terá lugar na praza Roxa.

En caso de choiva, fixaranse espazos alternativos para cada un destes concertos. En Fontiñas sería no interior de Área Central, en Vite no Auditorio de Galicia, en Conxo na igrexa de Santa María e en San Pedro na igrexa de San Domingos de Bonaval. No Ensanche non se dispón dun espazo alternativo, polo que se chovese a actuación tería que suspenderse, aínda que as previsións meteorolóxicas apuntan a que o sábado fará bo tempo.

Obras clásicas e románticas para todos os públicos
A Real Filharmonía achegará ao público unha selección de obras clásicas e románticas moi populares. Así, os concertos comezarán coa obertura de As vodas de Fígaro, de Mozart. De seguido, a orquestra tocará a obertura deCoroliano, de Beethoven. Os asistentes tamén poderán escoitar parte da Suite nº 1 “Peer Gynt”, do compositor noruegués Edvard Grieg.

Os músicos tocarán ademais a obertura de As Hébridas, de Mendelssohn. A continuación interpretarán a obertura de A italiana en Alxer, do compositor italiano Gioachino Rossini e os concertos rematarán cun fragmento de O soño dunha noite de verán, de Mendelssohn.

Bram Sniekers
A batuta dos concertos levaraa o director holandés Bram Sniekers (1972). Empezou os seus estudos musicais no seu país natal e formouse en trompeta e dirección de orquestra no Conservatorio Superior de Maastricht. Foi trompeta solista da Orquestra Xove Nacional de Holanda e como trompetista colaborou con varias orquestras europeas e españolas. Traballou con directores tan prestixiosos como Mstislav Rostropovitsj ou Sir Neville Marriner, entre outros.

En Galicia, ademais da Real Filharmonía, dirixiu as bandas municipais da Coruña, Pontevedra, Ourense e Lalín. Dende o seu traslado a España, foi o director titular da Banda de Lalín entre 2007 e 2014, agrupación coa que gravou varios discos. Na actualidade é o director artístico do Conservatorio Profesional de Música de Lalín e director da Orquestra do Conservatorio de Lalín.

Concertos gratuítos para os menores de 14 anos
Dentro do propósito de achegar a Real Filharmonía de Galicia a novos públicos, esta temporada porase en marcha tamén a iniciativa Descobre unha orquestra para ti, a túa!. Nesta liña, a subdirectora do Auditorio de Galicia, Silvia Modia, explicou que se trata dunha serie de concertos dun máximo dunha hora de duración que se celebrarán os venres ou sábados nun horario accesible para os máis novos. Trátase de que poidan escoitar unha selección de obras do concerto de abono desa semana a un prezo de 5 euros para os adultos e dúas entradas gratuítas para cada menor de 14 anos. O primeiro destes concertos celebrarase o 2 de outubro, coincidindo co arranque da temporada.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

693FansGóstame
311SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies