spot_img
InicioGaliciaA Real Academia Galega celebra a vida e a obra de Florencio...

A Real Academia Galega celebra a vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán, “exemplo de coherencia e compromiso” e símbolo do exilio mexicano

A Real Academia Galega celebra a vida e a obra de Florencio Delgado GurriaránO pleno extraordinario do Día das Letras Galegas que a RAG lle dedica ao poeta valdeorrés tivo lugar no seu Córgomo natal e contou coa presenza das súas fillas e un neto chegados dende América

A Real Academia Galega celebrou este mediodía o pleno do Día das Letras Galegas dedicado a Florencio Delgado Gurriarán na Aira dos Bolos de Córgomo. Aquí, nos anos mozos do poeta, os corgomeses reuníanse a xogaren aos birlos, como el mesmo inmortalizou no poema que titulou co nome da súa localidade natal, “neste ano 2022 a capital literaria de Galicia e capital universal da lingua galega, esa Galicia infinda da que falaba o noso homenaxeado”, expresou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.

Revista COUSAS DE Nº13

Pero co autor valdeorrés a festa deste 17 de maio viaxou tamén simbolicamente, por primeira vez, ata o México que o acolleu en 1939 como exiliado para “expresar pública gratitude aos homes e mulleres do desterro”. As alocucións académicas sobre Delgado Gurriarán de Ramón Villares, Rosario Álvarez e Xesús Alonso Montero puxeron o acento no compromiso democrático e cultural do autor, na súa contribución á construción do galego estándar e nos seus versos “matrióticos e patrióticos”, respectivamente.

A Real Academia Galega celebra a vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán
Membros de número da RAG seguindo o pleno

 

“Córgomo é hoxe a capital das letras galegas para todo o mundo, capital dunha lingua que nos une e nos identifica, unha lingua na que nos recoñecemos e na que viaxamos xuntos no río do tempo”, manifestou o presidente da Academia na clausura do pleno, na que agradeceu especialmente a presenza de Celia, Maruxa e Carmiña Delgado, fillas de Delgado Gurriarán, e do seu neto Roberto, chegados dende México e os Estados Unidos para a ocasión; e enviou un saúdo afectuoso á súa viúva, Celia Teijeiro. A sesión plenaria arrincou cunha afectuosa ovación dedicada a eles e, deseguido, a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense interpretou a Marcha do Antigo Reino de Galicia, a “Alborada de Veiga” e a “Muiñeira de Chantada”.

A Real Academia Galega celebra a vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán
As fillas de Florencio Delgado Gurriarán no pleno

 

Víctor F. Freixanes tivo tamén palabras de agradecemento ás institucións e a sociedade valdeorresas que, arredor do proxecto As Letras de Florencio, desenvolveron “un papel especialmente activo como animadores e difusores da memoria de Delgado Gurriarán para que esta celebración fose posible”; e ao Concello de Vilamartín de Valdeorras, que exerceu de anfitrión dunha celebración que continuou polas rúas da aldea cunha festa en comunidade, como lle gustaría ao homenaxeado, unha persoa que todo o mundo lembra como vital, alegre e amante da música e do baile.

O presidente da RAG concluíu a súa intervención dirixíndose ao novo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que asistiu ao acto días despois da súa toma de posesión. “Dende a Real Academia Galega, que ten a encomenda institucional de velar pola lingua, facemos votos para que poidamos abrir novas vías de colaboración a prol do idioma que nos ocupa e que nos preocupa. Non son poucos os desafíos que os novos tempos presentan. Se aceptamos que a lingua é un territorio de unión, modernidade e afectos, marca de identidade por riba das siglas e diferenzas, oxalá saibamos atopar novas iniciativas para avanzar no seu desenvolvemento, integrando todos os axentes sociais que poidamos sumar”, dixo Víctor F. Freixanes.

- Publicidade -spot_img