·Publicidade ·spot_img
InicioGaliciaA RAG recupera a escolma feita por Filgueira Valverde das cantigas de...

A RAG recupera a escolma feita por Filgueira Valverde das cantigas de Afonso X, “o Dante das letras galegas”

A RAG recupera a escolma feita por Filgueira Valverde das cantigas de Afonso X, “o Dante das letras galegas”O libro foi editado ao coidado do académico no ano 1980 co gallo das Letras Galegas dedicado ao monarca que promoveu as ‘Cantigas de Santa María’, obra universal da literatura medieval escrita en galego. A Academia publícao agora en versión dixital cadrando coa celebración dos 800 anos do nacemento de Afonso X

A Real Academia Galega editou no ano 1980 a primeira escolma da obra de Afonso X feita en Galicia. A publicación, ao coidado do académico Xosé Filgueira Valverde, saíu do prelo co gallo do Día das Letras Galegas dedicado ao rei a cuxo padroado se deben as Cantigas de Santa María, un dos monumentos máis senlleiros da cultura europea da Idade Media, transmitido en catro códices con máis de catrocentos cantares en lingua galega. Con motivo do 800 aniversario do nacemento do monarca, a Academia recupera agora o volume nunha edición dixital de acceso libre a través da sección de publicacións de academia.gal.

Filgueira Valverde (1906-1996), un dos grande especialistas na obra de Afonso X e protagonista do Día das Letras Galegas de 2015, reuniu e comentou nesta achega divulgativa as sete cantigas que teñen unha localización galega clara, xunto a outras catro sobre os grandes milagres da peregrinación a Santiago de Compostela e dúas sobre lendas relixiosas universais que tamén contan con versión galega. A escolma complétase con sete pezas profanas de escarnio e maldizer do rei con referencias a personaxes galegas.

Santa María fronte á peregrinación xacobea

En Afonso X e Galicia e unha escolma de cantigas, Filgueira Valverde achega ao público xeral a obra literaria do monarca e explica o seu contexto histórico, subliñando a difícil relación do rei con Galicia, salienta o académico Henrique Monteagudo. “Esta publicación que agora recuperamos é unha achega singular dun erudito que foi quizais o primeiro especialista de referencia internacional en Afonso X e as Cantigas de Santa María. A súa tese, dedicada á Cantiga 103 e que veu a lume en 1936, foi a primeira en España sobre este cancioneiro. Posteriormente, publicaría outros traballos sobre esta obra e o monarca. O libro que editou co gallo do Día das Letras Galegas de 1980 resulta de grande interese pola introdución e os comentarios que realiza sobre a problemática relación do monarca con Galicia e, nomeadamente, coa peregrinación xacobea, da que Afonso X foi pouco entusiasta. De feito, as Cantigas de Santa María téñense interpretado como unha obra de propaganda de peregrinacións rivais a Santiago, ao promover a romaxe a distintos santuarios marianos”.

Filgueira Valverde abre o volume poñendo precisamente o acento no gran paradoxo para a vida histórica de Galicia que rodea a figura de Afonso X. “Foi, sen dúbida, o meirande clásico da nosa lingua. O seu rol nas letras galegas do medievo pode ter comparanza co que ten o Dante nas da Toscana; non é doado atoparlle parella de obra persoal e de corte nas outras literaturas da Romania. E, nembargantes, o home que fixou e ergueu tan alto a fala literaria, foi un rei alleo cando non adverso á nosa Terra”, valora. “Esta interpretación da relación histórica de Afonso X con Galicia é polémica, pois en realidade buscou reforzar o poder monárquico enfrontándose coa aristocracia e coa Igrexa, que eran moi poderosas en Galicia”, puntualiza Henrique Monteagudo.

As cantigas escolmadas

O primeiro grupo de cantigas escolmadas compóñeno as sete que teñen unha localización galega ben manifesta: Armenteira, Caldas de Reis, Lugo, O Viso, O Monte, “terra de Santiago” e Santa María de Ribela. A continuación reprodúcense un par de cantigas que relatan dous milagres universais aos que Filgueira atribúe unha localización galega, A monxa refugá suprida pela virxe, que el sitúa no convento de Santa Clara de Santiago de Compostela; e O monxe e a paxariña celestial, a Cantiga 103 que estudou na súa tese de doutoramento e que narra a lenda que en Galicia protagonizou o abade Ero do mosteiro de Armenteira.

Alén das Cantigas de Santa María, que se reproducen acompañadas das transcricións musicais realizadas polo musicólogo catalán Higinio Anglés, o volume ofrece tamén outras sete cancións de escarnio e maldizer de Afonso X, a maioría relacionadas con trobadores galegos como Pai Gómez Chariño, Johan Airas ou Pero da Ponte.

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies