spot_img
InicioGaliciaA RAG edita o epistolario de Francisco Fernández del Riego e Ramón...

A RAG edita o epistolario de Francisco Fernández del Riego e Ramón Otero Pedrayo

a-rag-edita-o-epistolario-de-francisco-fernandez-del-riego-e-ramon-otero-pedrayoXesús Alonso Montero, prologuista: “Estas páxinas constitúen, hoxe por hoxe, o epistolario oteariano máis relevante. Francisco Fernández del Riego foi quizais o colega intelectual e o irmán con quen mellor se entendeu don Ramón Otero Pedrayo despois do falecemento de Castelao”

Revista Cousas de nº21

Rexistros no vento. Epistolario de Francisco Fernández del Riego e Ramón Otero Pedrayo é o título do volume editado pola Real Academia Galega que reúne máis de 450 documentos que permiten afondar na estreita relación entre dúas figuras fundamentais do galeguismo do século XX. O expresidente da RAG Xesús Alonso Montero, prologuista do libro, e a investigadora Patricia Arias Chachero, responsable da edición e das notas da correspondencia conservada na Fundación Penzol, presentarano esta tarde no Liceo de Ourense, no marco do Abril Oteriano 2024 organizado pola Fundación Otero Pedrayo. O acto terá lugar a partir das 18:45 horas tras a inauguración do programa (18 horas) que se estende ata mañá. Na apertura participará o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, canda o presidente da fundación, Eduardo López Pereira, e o conselleiro de Cultura, José López Campos.

“Estou convencido de que estas páxinas constitúen, hoxe por hoxe, o epistolario oteariano máis relevante. Están presentes nese corpus todas as virtudes do autor no xénero epistolar, en moitas ocasións agrandadas polas características do destinatario, Francisco Fernández del Riego, quizais o colega intelectual e o irmán con quen mellor se entendeu don Ramón Otero Pedrayo despois do falecemento de Castelao”, valora Xesús Alonso Montero no limiar do volume, que pode descargarse en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal. “A relación, íntima e amical, que se reflicte nel supón un percorrido pola reorganización do galeguismo de posguerra”, engade Patricia Arias Chachero.

a-rag-edita-o-epistolario-de-francisco-fernandez-del-riego-e-ramon-otero-pedrayo

A meirande parte das cartas reunidas, 347, foron escritas por Ramón Otero Pedrayo (1888-1976) e as demais por Francisco Fernández del Riego (1913-2010), quen foi presidente da RAG e protagonista do Día das Letras Galegas 2023. “Teño a certeza de que Del Riego escribiu máis, bastantes máis, algunhas, sen dúbida, interceptadas no seu día pola policía e que, moi probablemente, desapareceron para sempre”, apunta Alonso Montero.

Otero Pedrayo asina a primeira misiva dende Trasalba en agosto de 1934 e a derradeira escríbella Del Riego con data do 8 de outubro de 1975, seis meses antes do pasamento do seu amigo. Tras a guerra, a partir de 1944 a correspondencia será xa continua e a través dela é posible seguir  en boa medida a situación da Real Academia Galega -Otero Pedrayo ingresara nela en 1929 e Del Riego foi elixido correspondente en 1948 e numerario en 1960-, a xestación e realización dos tres tomos da Historia de Galiza que coordina o escritor ourensán, o nacemento e a inxente actividade da editorial Galaxia, os esforzos do exilio interior por se reorganizar e dignificar a lingua galega, o proceso de reposición da cátedra de Otero Pedrayo -sancionado en 1937 e reposto en 1948 na súa praza no instituto de Ourense- ou a consecución posterior dun posto como profesor da Universidade de Santiago de Compostela.

Confesións nos momentos de desánimo

Entre os episodios máis íntimos, xa feitos os 81 anos, Otero Pedrayo confésalle ao seu amigo, na única carta escrita en castelán deste epistolario, que ante o medo e a desesperanza da vellez pensou no suicidio. Proba da estreita amizade que os unía son tamén as confesións sobre o desánimo que sente tras o pasamento en 1957 da súa nai, cando don Ramón lle escribe ao seu irmán: “Eu xa non son de iste mundo. Voume retirare a Trasalba, a adicarme ó estudo das nubens. No fondo do curazón, dóeme todo”. Dous anos despois prégalle: “Non deixe de me escribire algunha vez. Preciso de compaña nistas lúas de desalento”.

Pola súa banda Francisco Fernández del Riego realízalle tamén a Otero Pedrayo nestas páxinas confesións que en ningún caso serían imaxinables no epistolario con Ramón Piñeiro ou Xaime Isla, valora Xesús Alonso Montero.

- Publicidade -spot_img