O presidente da Deputación de Pontevedra destaca a importancia de formar parte destes eventos para a promoción do destino turístico, que permitirá ter presencia mediática nuns 190 países
Acompañado polos deputados e rexedores de Ponteareas e Baiona, Nava Castro e Jesús Vázquez Almuíña; o presidente da Deputación asistiu este martes en Madrid á presentación oficial do percorrido da edición do 2024 de La Vuelta. Unha cerimonia na que Luis López puido comprobar o interese que a provincia de Pontevedra e as Rías Baixas seguen xerando como destino deportivo de primeiro nivel.
O pelotón dunha das tres grandes carreiras ciclistas do mundo volverá pasar polas estradas da provincia despois de tres anos de ausencia cunha etapa de 160 quilómetros entre Ponteareas e Baiona, na que os ciclistas escalarán catro portos de montaña, dous deles de primeira categoría como son o Alto da Fontiña e o Alto de Mougás.
Esta carreira foi retransmitida por televisión na edición do 2022 en 190 países, polo que supón unha útil ferramenta para a promoción turística do destino Rías Baixas. “É un espectáculo que reflicte a aposta do goberno da Deputación polo deporte e pola promoción do noso destino turístico a través dos eventos deportivos. Milleiros de persoas poderán contemplar en televisión a nosa riqueza paisaxística. En definitiva, o mundo verá que, co deporte, Pontevedra é desfrutar”, destacou o mandatario provincial.
Para Vázquez Almuiña, “non hai mellor campaña para a promoción turística de Baiona que acoller un dos finais de etapa da volta ciclista. Millóns de telespectadores observarán en horario de máxima audiencia imaxes do noso municipio. Unha das mellores cartas de presentación da localidade ao mundo”.
Coa inclusión da provincia no percorrido oficial de La Vuelta 2024, a Deputación demostra a súa aposta polo deporte e o turismo como áreas estratéxicas da acción de goberno. Ademais, a conxugación destes dous ámbitos permite dar un dobre impulso á dinamización da economía e a promoción do destino Rías Baixas. Por un lado, polo aumento do consumo que supón albergar a todas as persoas que se ocupan da loxística dunha proba deste tipo na provincia. E por outro lado, pola potencial captación de novos visitantes que descubrirán na televisión ou noutros medios de enorme cobertura mediática desta carreira un destino atractivo para visitar.
A celebración da etapa pontevedresa, que será a número 10 da carreira, está prevista para o vindeiro 27 de agosto. A proba caracterizarase pola coñecida esixencia da orografía da provincia con continuas subidas e baixadas, que porán unha nota extra de emoción a unha etapa pensada para que os especialistas de montaña exhiban todo o seu potencial. A proba entre Ponteareas e Baiona será a primeira das catro etapas que discorrerán por Galicia, seguiranlle unha en Padrón, outra con saída desde Ourense a Manzaneda e, por último, outra desde Lugo ata os Ancares.




