spot_img
InicioVigo e áreaVigoA poesía protagoniza a homenaxe a Xela Arias da Facultade de Filoloxía...

A poesía protagoniza a homenaxe a Xela Arias da Facultade de Filoloxía e Tradución

A poesía protagoniza a homenaxe a Xela Arias da Facultade de Filoloxía e TraduciónAs homenaxes a Xela Arias multiplícanse estes días por toda a xeografía galega, tamén na Universidade, onde coincidiron en horario a celebración do acto institucional do Día das Letras Galegas, que nesta ocasión se celebrou no campus de Ourense, co Certame Letras Galegas 2021, organizado desde a Facultade de Filoloxía e Tradución en homenaxe a autora de Sarria, poeta, editora, mestra… e, sobre todo, referente de toda unha época.

Foi unha celebración sentida e vivida dende o mundo da poesía. Concibida a modo de certame poético, o acto iniciouse coa intervención da profesora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Alba Aguete e das alumnas Alba Zels e María Bará, da Delegación de Alumnado, principais impulsoras desta actividade. “Penso que non hai mellor homenaxe a Xela que a que se fai dende a propia creación poética e desde o acto mesmo de verbalizar a poesía”, recalcou Aguete, que puxo tamén voz a un desexo común que se palpaba na sala: “que este certame sexa só a semente facunda dunha tradición”. A estas palabras sumouse Zels, que quixo tamén referirse á importancia de impulsar actividades culturais en lingua galega “e darlle visibilidade a creación das mulleres escritoras da Galiza”.

Forte implicación do alumnado

Tras esta toma de contacto, foron as propias alumnas e alumnos da facultade os que se encargaron de pór voz aos poemas de Xela. Elixiron tres textos: o poema Acompáñame, do libro Tigres como cabalos, obra que rachou na súa época por ensamblar poesía e fotografía, especialmente de nus; A unidade componse, de Intempériome, o seu derradeiro libro publicada en Vida; e un artigo sobre poesía publicado no Faro de Vigo o 10 de maio de 1984. E, despois destas lecturas, chegou a voz da propia Xela a través dun audio cedido pola Fundación Rosalía, no que a poeta lía os versos que lle dedicou a Rosalía na obra colaborativa Daquelas que cantan.

Rematadas as lecturas entrouse de cheo na competición poética, unha actividade promovida pola Delegación de Alumnado do centro coa colaboración do Departamento de Filoloxía Galega e Latina. “As competicións poéticas, Slam Poetry, son un formato de recitado de poesía que está bastante en auxe na actualidade e que se celebra en diferentes puntos de todo o mundo”, explica Alba Aguete. Neste caso participaron preto dunha ducia de persoas, estudantes da facultade para os que moitos deles esta foi a súa primeira experiencia de recitar en publico.

O acto contou ademais coa participación, como poetas convidados, dos profesores Anxo Angueira e Gonzalo Navaza, e de nomes tan representativos das novas xeracións de creadoras como Tamara Andrés e Branca Trigo, así como das viguesas Nuria Vil e Vanessa Glemsel, autoras de Dúas gamberras e un micro, un proxecto ‘rebelde’ co que levar a poesía a aqueles lugares nos que normalmente non está presente.

O acto rematou coa entrega de premios da competición poética, doados pola Área de Normalización Lingüística, e que consistían na edición especial de Intempériome, que contén xunto co libro un CD da propia Xela Arias recitando os seus poemas

- Publicidade -spot_img