spot_img
InicioO MorrazoCangas do MorrazoA Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas celebra o...

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas celebra o seu 40 aniversario con preto de 50 eventos ao longo de 14 días

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas celebra o seu 40 aniversario con preto de 50 eventos ao longo de 14 díasA Mostra de Teatro Internacional Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) celebra este ano a súa 40 edición e faino enchendo a vila de teatro durante 14 días. Desde o 25 de xuño até o 8 de xullo, Cangas acollerá teatro, danza, coloquios, presentacións, e exposicións, todo arredor das artes escénicas e do humor. Veciñanza e visitantes poderán desfrutar dos espectáculos no Auditorio ‘Xosé Manuel Pazos Varela’, nas rúas, prazas e noutros lugares habilitados. Serán una 50 eventos concentrados en dúas semanas “ e iso só é posible grazas ao esforzo e á implicación de moita xente”, afirmou a directora artística da Mostra, María Armesto.

Revista COUSAS DE Nº17

A 40 Mostra, que arrancará co pregón do actor Lois Soaxe, inclúe este ano 5 estreas absolutas, 4 estreas en Galicia e 3 coproducións. Armesto explicou que en números romanos, este ano é a edición XL, o que significa que “xa imos collendo corpo e esperemos non entrar na crise dos 40”.

Entre as estreas absolutas atopamos ’Entrega en man’ (da compañía Contraproducións), unha versión galega dirixida por Cándido Pazó dunha comedia “denegrida” do director de cine e dramaturgo inglés Martin McDonagh; ‘A mesa’, da Escola de Teatro de Cangas, un texto de Clara Gayo, Zé Paredes e Carlos Santiago dirixido por Sonia Rúa; ‘Hoxe si!’, de compañía galega de clown e circo Sempre Arriba, un espectáculo en linguaxe clown con acrobacia aérea e, sobre todo, moito humor; ‘Glamping’ (compañía SU.MA), unha pezo de teatro xestual, música, acrobacia aérea, danza e swing en clave de clown; e ‘Menú do día’, na que o colectivo #ChamizoBelloVila, tece unha historia que compara odio e disidencia, tristeza e aceptación. A primeira creación deste colectivo transita entre as violencias que sofre o colectivo LGTBIQ+.

Entrega en man’ é ‘Menú do día’ son dúas das 3 coproducións da Mostra. A outra é ‘¿Qué es el agua?’, unha peza da compañía La Soledad (Cataluña-Arxentina) inspirada na obra do escritor David Foster Wallace que toma o mar como escenografía e como banda sonora. En Cangas, o espectáculo representarase entre na contorna da Lagoa da Congorza, en Punta Balea, un acto que servirá para reclamar a recuperación desta contorna. A banda de gaitas canguesa de Tromentelo e a Escola de Teatro de Cangas colaborarán na posta en escena deste espectáculo.

Estreas en Galicia

A XL MITCFC ten programadas 5 estreas en Galicia. Unha delas é ‘El avaro’, unha obra do dramaturgo francés Molière que pon en escena a compañía Atalaya cun elenco de oito actores e actrices entre as que se atopa Carmen Gallardo. Outra das estreas en Galicia é ‘In petto’. Para esta creación, a compañía belga Okidok redescubre o traballo dun dúo de pallasos non verbal, guiado por un teatro xestual cunha estética asertiva. A Mostra tamén suporá a estrea en Galicia da obra ‘Contracciones’ (Producciones Come y Calla). A obra explora a invasión crecente das grandes compañías na intimidade dos seus empregados. As actrices Candela Peña e Pilar Castro protagonizan este espectáculo que, partindo desde unha realidade distópica, considera até onde se é capaz de chegar para conservar un posto de traballo. A última obra que se estreará nesta 40 Mostra en Cangas é o espectáculo de rúa ‘Camino del Paraiso’, (Guirigai Teatro, Estremadura). Trátase dunha comedia satírica que transcorre nunha vila no Camiño de Santiago con tres pícaros peregrinos como protagonistas. A obra reflexiona en clave de humor sobre as actitudes dos peregrinos a Santiago de Compostela nunha época de bruxerías e supersticións.

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas celebra o seu 40 aniversario con preto de 50 eventos ao longo de 14 días

Outro dos espectáculos que se estrearán en Galicia é ‘Los días ajenos de Bob Pop’, un espectáculo de voces e memoria creado e interpretado por Bob Pop a partir dos seus libros ‘Días ajenos’. O público poderá ver un collage de experiencias da man, a mirada e empatía dunha das personalidades máis transgresoras e mordaces dos últimos anos. Esta obra, que xa estivo programada na anterior edición da Mostra, tivera que ser suspendida por mor da Covid-19.

Premio ‘Xiria’ a Tanxarina

O Premio ‘Xiria ao Labor Teatral’ desta 40 edición da Mostra será para a compañía galega de monicreques galega ‘Tanxarina’, que este ano tamén celebra os 40 anos de traxectoria artística. Deste xeito, a MITCFC recoñece a súa “longa traxectoria comprometida co teatro de títeres e de obxectos, ao que dignificaron e popularizaron cun traballo exquisito e en constante evolución”.

Amelia Tiganus, Premio Mulleres en Acción

Outros dos premios relevantes da MITCFC é o ‘Premio Mulleres en Acción’. Este ano, o galardón será para a escritora e activista feminista Amelia Tiganus. A organización da Mostra outórgalle este premio “pola súa valentía, compromiso e determinación en combater a trata e a explotación sexual de mulleres e nenas”. Ademais, recoñécelle “o seu infatigable activismo feminista e abolicionista para conseguir unha sociedade libre de prostitución, violencias e agresións exercidas contra as mulleres”. A MITCFC destaca que se trata dun “referente indiscutible” non só para as mulleres prostituídas, senón para todas as que loitan “por ser donas de si mesmas e do seu propio corpo”.

Torneo de Dramaturxia

Un ano máis, a Mostra organiza o Torneo de Dramaturxia de Galicia, que este ano chega á súa sétima edición. Este torneo realízase en colaboración co Centro Dramático Galego (CDG) e da Asociación Profesional DramaturGA. O VII Torneo celebrarase o martes 4 de xullo, a partir das 22.30 horas, no Auditorio. Os combatentes desta edición de 2023 serán Deborah Vukusic (actriz, escritora e directora), Ana Abad de Larriva (actriz e creadora escénica), Manuel Cortés (dramaturgo e poeta) e J. L. Baños de Cos (docente teatral e dramaturgo). Un ano máis, Esther F. Carrodeguas será a mestra de cerimonias.

Abonos para as obras do Auditorio

Entre o 15 de maio e o 11 de xuño estarán á venda os abonos para asistir ás funcións que este ano serán representadas no Auditorio. O 12 de xuño xa estarán dispoñibles a través da plataforma de A Taquilla as entradas individuais. Ademais, a billeteira do propio Auditorio estará aberta os días de función desde dúas horas antes de comezar o espectáculo.

O importe do abono é de 70€, o que supón unha rebaixa de 10€ con respecto ao prezo de todas as entradas mercadas de xeito individual (10€ cada unha).

- Publicidade -spot_img