Inicio Galicia A mostra ‘Facer Camiño’ inicia no Museo do Mar de Galicia a...

A mostra ‘Facer Camiño’ inicia no Museo do Mar de Galicia a súa andaina por dez concellos vencellados as Rutas Xacobeas

A mostra ‘Facer Camiño’ inicia no Museo do Mar de Galicia a súa andaina por dez concellos vencellados as Rutas XacobeasO conselleiro de Cultura e Turismo en funcións e o presidente da Real Academia de Belas Artes inauguraron esta mostra que reúne 23 pezas pictóricas, escultóricas e fotográficas de 12 dos máis relevantes artistas galegos dos nosos tempos

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), Manuel Quintana Martelo, inauguraron esta mañá no Museo do Mar de Galicia a mostra Facer Camiño, unha exposición itinerante na que se asocia a arte co Camiño de Santiago que, logo da súa estadía viguesa, percorrerá as restantes cidades galegas e as vilas de Tui, Cee e Mondoñedo concellos asociados ao territorio histórico das rutas xacobeas.

A comisaria da mostra, Asunta Rodríguez, realizou unha escolma de 23 pezas que inclúen pinturas, esculturas e fotografías de destacados artistas galegos, enfiada por citas e referencias a Santiago de Compostela e á peregrinación xacobea de autores como Dante, Federico García Lorca ou Vicente Risco. En concreto, a exposición acolle obras de Manuel Buciños, Ignacio Basallo, Xosé Díaz, Menchu Lamas, Xurxo Lobato, Acisclo Manzano, Din Matamoro, Manolo Paz, Soledad Penalta, Manuel Quintana Martelo, Rafael Úbeda e Miguel Anxo Prado.

Peregrinación artística

Román Rodríguez destacou ao respecto que se trata dunha “nómina extraordinaria” de artistas de diferentes xeracións que abordan a arte desde diversos medios expresivos e estilos, dos que sinalou que comparten dúas características, “formar parte da Real Academia Galega de Belas Artes e ser artistas e creadores recoñecidos e fortemente valorados”.

O titular de Cultura explicou que, neste caso, Vigo foi a cidade elixida como punto de partida desta “peregrinación artística” que permite asociar “a expresión plástica e visual de hoxe cun dos elementos esenciais na conformación da nosa identidade: o Camiño de Santiago”. Concluíndo que o Xacobeo 2021 permitirá afondar na “promoción do talento galego e a potenciación da oferta cultural local dun xeito amplo, inclusivo e deslocalizado”.

Descentralización do Xacobeo 2021

A mostra enmárcase no marco de colaboración institucional existente entre a Administración autonómica e a Academia, referendado mediante a sinatura dun convenio de colaboración o pasado mes de xuño. Unha colaboración na que a Xunta de Galicia investirá preto de 100.000 euros e que durante este ano se centra de xeito monográfico en afondar no vínculo entre a cultura e o Camiño de Santiago, a través dunha programación de calidade, accesible e deslocalizada.

Así, Román Rodríguez destacou que no actual escenario de incerteza é importante lograr que o Xacobeo 2021 sexa “máis descentralizado que nunca para que repercuta de xeito positivo en toda Galicia”. A maiores da mostra, tamén está previsto organizar coa RAGBA un ciclo de conferencias e debates relacionados co patrimonio e a cultura da nosa terra, que complete e complemente a itinerancia prevista.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies